O parlamentario socialista Juan Carlos Francisco criticou hoxe o nomeamento do ex alcalde de Arnoia e ex delegado da Xunta, Rogelio Martínez, como xerente de Expourense como “pago político de Feijóo” pola manobra interna de “abandonar no seu día ao baltarismo para intentar derrubalo, o que non conseguiu”. Francisco presentou esta iniciativa na Comisión de Economía do Parlamento que se celebrou hoxe no Parlamento.
Sinalou que o único que consegue este nomeamento é “perpetuar o nepotismo, o clientelismo e o enchufismo”, e unha “política desnortada que nin sequera comparte o PP de Ourense”. Deste xeito obvian as necesidades reais dunha provincia que encabeza os ránquins de envellecemento e perda de poboación do Estado, consolidando unha Galicia de dúas velocidades e que “ao paso que vamos en 50 anos o último ourensán terá que apagar a luz”.
O responsable socialista lembrou que Martínez, que ten agora 64 anos, leva 4 décadas ocupando cargos institucionais, dende os que “promocionou a gastronomía pagando paparotas con diñeiro público, e favoreceu á industria dos tanatorios para favorecer ás empresas familiares”. Os seus 40 anos de actividade, dixo, demostraron a súa “capacidade de asinar subvencións financiadas con fondos Leader para sociedades e asociacións de empresas que tamén lle pertencían”.
Explicou que como alcalde de Arnoia tivo que devolver no seu día 50.000 euros para construír unha planta de biomasa, e como vicepresidente da Deputación impulsou “máis de 100 depuradoras, a cargo de fondos públicos da UE, que non funcionaron nunca, ou gastaban tanta luz que obrigaban aos concellos a pechalas”.
Esta actuación suscitou unha investigación do órgano fiscalizador e a intervención da Axencia Tributaria, que esixiu a devolución de 10 millóns de euros, da que se librou simplemente pola prescrición do delito.
Juan Carlos Francisco explicou que o nomeamento de Martínez, de 65 anos e “co mesmo dereito a traballar que todo o mundo”, non está avalado por “traxectoria de ningún tipo de mérito ou coñecemento que implique a posibilidade de que a Xunta o designe para postos relacionados co desenvolvemento da nosa provincia”.
O parlamentario socialista explicou que a pregunta presentada hoxe foi adiada hai varias semanas coincidindo no tempo coa designación do propio Rogelio Martínez como xerente de Expourense, e acusou ao goberno galego de ofrecer “escusas para adiar un debate que se está a dar en Ourense” con relación á designación de Martínez.