Sentencia que “se non fora pola gravidade ata sería gracioso” e esíxelle ao presidente da Xunta que “deixe de tapar os erros da súa xestión sanitaria con máis irresponsabilidade”
O secretario de Sanidade e Saúde do PSdeG, José Miñones, cualificou hoxe de “irresponsable e perigoso” o intento do goberno galego de tapar as vacantes de médicos con persoal en formación sen supervisión durante os meses de verán. Miñones advirte que “se non fora pola gravidade ata sería gracioso” o que limita á “nova ocorrencia do día”, que da mostra da “incapacidade e improvisación deste goberno”.
Advirte que as declaracións do presidente da Xunta defendendo a pretensión de “reducir tempo de formación dos MIR polo que é unha falta de programación do goberno”, logo de que o Ministerio de Sanidade rexeitara a proposta, “é algo que non esperabamos escoitar nunca”. Sinala que a proposta de Rueda “non só é negativa para os pacientes, senón tamén para os MIR, aos que se carga dunha responsabilidade que non teñen por que asumir”.
Esixiulle á Xunta que “deixen de tapar erros con máis irresponsabilidade” e que “dunha vez” asuman a súa competencia en materia sanitaria, incrementando o orzamento para sanidade e dotando aos MIR de “maior remuneración ata chegar ás contías medias que se abonan no resto de España”. Explica que os Médicos Internos Residentes -MIR-, por moito que sexan os de último ano, “non deixan de ser persoal en formación”.
Advirte que “a ninguén se lle podería pasar pola cabeza que os alumnos pasen a exercer o traballo para o que precisamente se están formando, e ademais sen a debida supervisión”, polo que lle reclamou ao presidente da Xunta que “deixe de improvisar coa sanidade e a saúde dos galegos e das galegas” e escoite aos profesionais sanitarios que a semana pasada censuraron esta “ocorrencia”.