Esíxelle ao Goberno galego que “colabore en lugar de confrontar” e lembra que o Executivo central leva varios anos consecutivos superando o récord de prazas MIR habilitadas
O secretario de Sanidade e Saúde do PSdeG, José Manuel Miñones, advertiulle á Consellería de Sanidade que a falla de persoal débese a que Galicia é a Comunidade Autónoma que menos paga aos médicos en formación. Reclamoulle ao goberno galego que “colabore en lugar de confrontar”, e subliñou que “paguen o que hai que pagar” para atraer profesionais sanitarios.
O responsable socialista replicoulle hoxe ao conselleiro de Sanidade, que esta semana pediu unha Conferencia Sectorial de Sanidade sobre a falta de prazas no verán que é responsabilidade do goberno galego. Sinalou que Galicia ten “un problema real de salarios”, e esixiu “o orzamento necesario para a sanidade e a reestruturación necesaria no rural”.
Miñones lembrou que Galicia dispón de suficientes prazas formativas para médicos, xa que o goberno central vén superando os máximos de prazas habilitadas “ano tras ano”, que están a quedar vacantes nesta Comunidade Autónoma”.
Dixo que as declaracións do conselleiro de Sanidade reclamando a Sectorial “non teñen sentido” por canto supoñen “politizar a sanidade” e puntualizou que a Xunta “necesita planificar e coordinar os equipos das diferentes áreas sanitarias”.
Resumiu que os gobernos do PSOE son “moito máis favorecedores” que os do PP á hora de habilitar prazas formativas, pero que o problema sitúase na contratación, que é responsabilidade do goberno galego. Amosou a súa sorpresa polo “xiro político” do conselleiro de Sanidade, que pasou de falar de mellorar as condicións dos profesionais sanitarios a encabezar unha nova ofensiva contra o goberno central.