O parlamentario socialista Julio Torrado denunciou hoxe a “irresponsabilidade” da Xunta ao negarse a adoptar medidas preventivas ante a proliferación da alga microcistys no encoro da Baxe –Caldas de Reis- dende o mes de novembro. O responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento para urxir á Xunta a tomar medidas antes de que a alga derive na aparición da toxina microcistina.
O parlamentario socialista puntualizou hoxe que “a non existencia da toxina non implica que non exista un alto risco” da súa aparición debido ás condicións climáticas do verán, e afeoulle ao goberno galego da “irreesponsabilidade de chamarnos alarmista”. Torrado preguntou de forma retórica “cando construíu Noé a arca”, para lembrar que “antes do diluvio”, segundo a parábola do Antigo Testamento.
Reclamoulle ao goberno galego que “faga algo máis que agardar a ver se ocorre” un novo episodio de contaminación no encoro, que provoca problemas medioambientais, afectando á biodiversidade, e de saúde pública nos concellos polos que transcorre o Río Umia ata a súa desembocadura na Ría de Arousa.
Urxiu a resolver o problema dun encoro que “naceu mal, funciona mal e da problemas” mentres o goberno galego permanece como “observador pasivo agardando a ver que fan os demais actores, e como resolven problemas que son seus”. Denunciou que se limiten a “queixarse das alertas sobre esta situación” mentres o Concello de Caldas de Reis ten que asumir un sobrecuste de entre 30.000 e 50.000 euros anuais na depuración das augas.