O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista criticou hoxe o “insoportable cinismo obsceno” do PP con relación á sanidade pública que pon en cuestión, dixo, a súa “dignidade política”. Referiuse así en primeiro lugar á previsible aprobación, no próximo Pleno do Parlamento, da reforma da Lei de Saúde que suprime as áreas comarcais de Valdeorras, Monforte, A Mariña e Salnés e a participación social na sanidade pública.
O responsable socialista dixo que o trámite parlamentario desta reforma ratifica a “nula vontade de diálogo” do PP e a súa “negativa a garantir servizos” nun proceso que evidencia a “actitude ditatorial” de Feijóo. Así o dixo logo de lembrar que non foi incluída ningunha das máis de 100 alegacións das organizacións e colectivos sociais, e das outras tantas emendas presentadas pola oposición, aprobaron 3 e transaccionaron outra.
Torrado criticou sinaladamente a negativa do PP a aceptar a proposta socialista de incorporar un catálogo de servizos mínimos para que tódolos galegos e galegas teñan acceso a unhas mínimas condicións sanitarias independentemente de onde vivan. Esta decisión demostra, dixo, que a supresión das áreas comarcais en realidade agocha unha redución de servizos sanitarios para a poboación.
Esta reforma lexislativa afrontará o seu debate final nun Pleno que incluirá ademais, dixo, unha interpelación do Grupo Socialista sobre a redución das prazas de alumnos na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela. O parlamentario socialista alertou de que a eiva de persoal especializado na sanidade pública galega incrementa as listas de espera, deteriora a calidade e reduce os servizos sanitarios.
Alertou de que, nese contexto de falla de persoal, a redución de 360 a 342 das prazas da Facultade de Medicina resulta “incomprensible, incoherente e ineficiente”, mentres o goberno galego “non di nada”. Sen embargo, dixo, a incorporación dunha autoemenda do PP á reforma da Lei de Saúde do goberno galego eliminando as restricións de nacionalidade para contratar persoal evidencia que “comezan a recoñecer o problema”.
Enfermidades raras
O responsable socialista cualificou ademais de “indecente e insoportable” a abstención do PP, onte no Congreso, a unha iniciativa socialista de apoio ás enfermidades raras no mesmo sentido da proposta que fora aprobada no Parlamento de Galicia. Torrado criticou que ao PP “non lle importan as persoas” porque “hai que ser moi desalmado para dicirlles aos pais que están ao seu carón e cando chega o momento non apoialos”.
Torrado criticou que o PP deixa desamparados sinaladamente a aqueles pacientes de enfermidades aínda sen catalogar pero que “padecen as súas consecuencias e evidentemente necesitan das prestacións”. Apelou así aos pais da nena de Negreira que quedou sen apoio da administración por padecer unha enfermidade que non puido ser diagnosticada.
O responsable socialista lembrou que este grupo renunciou na Cámara autonómica a presentar unha iniciativa propia para permitir unha proposta conxunta de tódolos grupos a pesares das que “polo que vemos eran dúbidas máis que fundadas” sobre o “compromiso real do PP”. Estes, dixo, demostraron onte que a súa intención era “lavar a súa conciencia”.
Anunciou que a proposta socialista será levada, agora si, á Comisión de Sanidade “coa soa vontade de verlle a cara aos deputados e deputadas do PP” e coa intención de “desenmascarar unha posición política indignante”.