O portavoz de Gandería do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, censurou hoxe a “ineficacia e improvisación” nas medidas tomadas pola Xunta “tarde, mal e arrastro” para o control da praga de xabaril. O responsable socialista defendeu no Pleno do Parlamento a proposición non de Lei de Iniciativa Popular presentada previamente polo sindicato Unións Agrarias para acordar medidas eficaces de control desta praga, pero que foi rexeitada polo PP.
Pérez Seco presentou esta iniciativa para reclamarlle á Xunta que impulse unha modificación da lexislación en materia de caza e xestión da fauna para que o Executivo asuma a súa responsabilidade na elaboración dun censo de poboación do xabaril, determinando a densidade máxima e medidas de control da poboación.
Ademais reclama medidas de “control de danos” na agricultura apoiándose nos Tecor e nas Sociedades de Caza para a súa execución. Tamén insta ao goberno galego a que proceda ao pago das indemnizacións polos danos causados pola fauna salvaxe, que no caso do xabaril estiman en 15 millóns de euros só na campaña 2017-18, así como na posta en marcha dun Fondo de Corresponsabilidade para o pago de indemnizacións e de medidas preventivas.
O responsable socialista criticou a posta en marcha de medidas que se teñen demostrado ineficaces por parte do goberno galego, que pasou de autorizar batidas con arqueiros a intentar a instalación de gaiolas, impulsar o comercio de carne de xabaril e, finalmente, a caza libre, sen ter en conta “o risco que conleva para calquera que practique actividades ao aire libre”.
Pérez Seco alerta do “enorme incremento dos custes nas explotacións agrícolas e gandeiras profesionais” como consecuencia do desleixo do goberno galego á hora de aplicar medidas “proporcionais e eficaces” que “permitan unha convivencia equilibrada e sostible desta especie animal con outras especies e coas actividades económicas, sociais e medioambientais do noso contorno”.
Explica que o abandono de terras e do medio rural, e a escasa incidencia en Galicia do lobo, o seu único depredador natural, provoca un “excesivo incremento da poboación do xabaril, un mamífero cunha grande capacidade de desprazamento e adaptación a todo tipo de hábitats”.
Alerta dos graves problemas económicos que ocasiona nos cultivos, afectando maioritariamente ao millo -55 por cento-, ás pradeiras -35 por cento- e tamén ás horas e outras producións como a vide ou a castaña -10 por cento-. A maiores, sinala, prodúcense danos en bens públicos de axardinamentos e zonas deportivas e incluso problemas de seguridade viaria, con 1.100 atropelos ao ano en Galicia, cuns 4 millóns en danos a vehículos.