O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias logo de coñecer o informe policial que apunta ao incumprimento das medidas de seguridade en determinadas ambulancias que operan en Galicia. Torrado reclámalle ao goberno galego que explique que medidas vai tomar ao respecto.
O responsable socialista alerta da “especial gravidade” dos incumprimentos nos requisitos detectados en “cuestións sobre peso ou materiais e equipamento do vehículo”, que “afectan á seguridade e operatividade do vehículo”. Estas ineficiencias, explica, “sobrecargan o traballo dos técnicos, que se ven obrigados a traballar en condicións laborais inferiores ás estandarizadas”.
Este informe, sinala, vén engrosar a lista de “desaxustes relevantes” detectados no transporte sanitario por estrada, logo dos condicionamentos amosados polas concesionarias sobre os novos contratos. Estas teñen advertido ou directamente renunciado aos contratos “alegando insuficientes fondos” para cubrir o servizo, sinala, “logo de ter puxado por obtelo”.
Torrado lembra que precisamente o anterior contrato atópase en fase xudicial polas evidencias que levaron a denunciar á Xunta e á empresa gañadora. Sinala que a concesionaria, dirixida por persoas vinculadas ao PP, recibiu 121,6 millóns de euros por contar, xa antes de que se convocara o concurso, cos vehículos rotulados e equipados de acordo cos novos requisitos establecidos nos pliegos.