A portavoz de Medio Ambiente e de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, alertou das “dúbidas máis que fundadas” sobre a legalidade do proxecto de modificación do PXOM de Mos para albergar á cidade deportiva do Celta de Vigo. Vilán presentou unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento celebrado hoxe para reclamarlle á Xunta que paralice a modificación do PXOM de Mos ata que non se adapte á legalidade, e que será votada mañá.
A responsable socialista advertiu que o proxecto “cheira a presunta ilegalidade urbanística que veremos como remata”, e acusou ao PP de rexeitar a iniciativa socialista porque “apostan polo modelo do cemento”.
reclamoulle así ao goberno galego que garanta que o proxecto de construción de case 900.000 metros cadrados en fincas privadas e dous montes comunais vai contra a Lei de Montes Veciñais de 1989 e a Lei do Solo de 2016. Ademais, dixo, deben resolver “todas as dúbidas relativas ao abastecemento de auga, saneamento, abastecemento de enerxía, o acceso pola A-55 e ao tratamento dos restos arqueolóxicos atopados na zona das obras.
Vilan acusou á Xunta de primar un convenio urbanístico sobre o procedemento ordinario para unha obra que se salta o uso natural do solo e que ten como modelo de futuro o comercial, incorporando ao proxecto un centro comercial de 160.000 metros cadrados. O proxecto, dixo, parte dun convenio urbanístico sen estudo para a modificación do PXOM, sen adxudicación procedimental daquel estudo e sen procedemento para a declaración de impacto ambiental.
Advertiu que a Lei de Montes sinala que os montes veciñais só poden ser obxecto de expropiación forzosa por causa de utilidade pública ou interese social, que tratan de xustificar polo centro comercial pero que vai en contra do monte comunal de Tameiga, que se opón ao proxecto. Ademais, o solo afectado é rústico de protección forestal, no que a Lei do Solo impide desenvolver proxectos como este centro comercial.
Sinalou tamén ás alegacións de responsables de comunidades de usuarios de Augas advertindo da necesidade dun convenio co concello de Vigo para o abastecemento de auga, xa que necesitará 30 litros por segundo do Consorcio de Augas do Louro. Isto supón de facto un transvase da auga que é subministrada ao Concello de Vigo e que ademais precisa de autorización do Ministerio de Transición Ecolóxica.
O proxecto conta tamén un informe desfavorable recente do Ministerio de fomento para construír o acceso á cidade deportiva previsto a través da Autovía A-55 e da Deputación de Pontevedra pola afectación de ata 6 viais provinciais. Lembrou neste sentido as declaracións da alcaldesa de Mos sinalando a informes favorables da Subdelegación do Goberno que, sinalou Vilán, non emite informe, e criticando que lle tiñan “manía”.
Finalmente, as obras de construción dos dous campos de fútbol previstos destaparon restos arqueolóxicos no lugar de Pereiras que semellan ser restos cerámicos do ano 2.500 A-C., e aínda quedan unhas 10 hectáreas de terreo por investigar polos arqueólogos.