O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, lamentou hoxe o voto en contra do PP a unha iniciativa socialista que pedía manter a partida orzamentaria dedicada a centros de saúde da provincia de Pontevedra. A mesma proposta, debatida na Comisión de Sanidade, pedía aumentar en 400.000 euros as partidas para mantemento daqueles centros de saúde.
O responsable socialista explicou que o obxectivo era que “non se reduzan os orzamentos” para os centros de saúde, tendo en conta que as previsións de 2017 “non se cumpriron”. Ademais, reclamaba un aumento de apenas 400.000 euros “tendo en conta que o Sergas gasta en sacerdotes 650.0000 euros ao ano”.
Torrado sinalou que a xestión do goberno galego en relación á sanidade demostra “incompetencia e sectarismo” ao primar a atención aos concellos nos que goberna o PP. Mentres, acumulan os problemas e as peticións de mellora das infraestruturas sanitarias en Lalín, Gondomar, Mondariz, Cangas, Vilagarcía, A Illa, O Grove, Cambados, Ponteareas, Coruxo –Vigo-, As Neves ou Cuntis, entre outros.
Lamentou o “pataleo” do PP “para seguir nunha posición sectarista e utilizar aos cidadáns en función de a quen votan”. Chamou a “resolver e superar este debate absurdo” xa que, puntualizou, “non é posible tomar como broma unha coincidencia tan brutal e que onde non goberna o PP as carencias non se solucionan”.
Criticou unha intención deliberada de “saturar aos profesionais e prexudicar á calidade da sanidade para denigrar o sistema público” e conseguir que no último ano subira un 5 por cento a porcentaxe de persoas que prefiren ir á privada por culpa da xestión do PP.
Sinalou que “para o PP o déficit na xestión de persoal non é un problema, é unha solución” e lles quitan condicións e salario forzando que se “vaian fora”, mentres en Galicia concentran servizos para afastar os medios do rural, porque “saben que se non ancoramos servizos non ancoramos poboación”.