A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Loli Toja, reclamoulle hoxe ao goberno galego incentivos para impulsar que as traballadoras do mar “vaian a bordo”. Na sesión de control ao goberno, reivindicou “recoñecer o papel das mulleres no sector e que vaiamos adiante” e esixiulle á conselleira do Mar “solidariedade coa muller do mar”.
A responsable socialista advertiu que “falla conciencia social” sobre a importancia da contribución destas mulleres e criticou que a conselleira “ou se está marcando un farol ou é moi pouco ambiciosa, en calquera das dúas situacións debe valorar se pode seguir á fronte da Consellería”.
Desta forma apelou á situación das mulleres que traballan no mar, que perderon un de cada catro Permex dende 2009 –de 3.887 a 2.807-, hai 1.803 afiliadas menos ao réxime especial do mar, na pesca extractiva son só un 5 por cento das ocupadas, na acuicultura un 26 por cento e que teñen unhas pensións medias de 579 euros, fronte aos 1.090 dos homes.
Os socialistas galegos reclamaron unha batería de medidas para impulsar a situación destas mulleres coa aplicación dun coeficiente redutor na idade de acceso á xubilación, recoñecemento de enfermidades profesionais ou incentivos para a contratación de mulleres a bordo.
Tamén propuxo maiores recursos para fomentar o asociacionismo neste colectivo, medidas que favorezan a igualdade salarial entre homes e mulleres pescadoras, medidas de conciliación con garderías na proximidade dos portos pesqueiros e horarios flexibles nos centros educativos que utilizan as profesionais deste sector.