O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, esixiu hoxe a dimisión do conselleiro de Sanidade logo do anuncio feito polo presidente da Xunta esta mesma mañá “retractándose das súas medidas”. Así o dixo no debate dunha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que fixo un relatorio dos problemas na sanidade galega e as demandas que están a reiterar os profesionais da sanidade dende hai anos.
Torrado sinalou á “situación grave” que se está a rexistrar na Atención Primaria e que ten derivado na dimisión de máis de 20 xefes de servizo na Área Sanitaria de Vigo. Lembrou ademais a folga de Urxencias do Hospital de Santiago, a folga de médicos, dos PACs, ou das ambulancias en protesta por unha situación que “hoxe soubemos que é culpa dos traballadores do sistema”, logo de que o presidente da Xunta apuntara ao elevado número de baixas laborais.
Criticou que o conselleiro acusara aos profesionais de “faltar á verdade” aludindo a un “problema de percepción” dos profesionais que están a protestar de forma xeneralizada e que, ironizou, “deben de confundirse cando ven pasar 70 pacientes, traballan con material obsoleto ou protestan por ter que xestionar a miseria”. Puntualizou que “a ver se vai ser que o problema de percepción o teñen vostedes”, cando din que “faltamos á verdade nós e os xefes de servizo”.
O responsable socialista lembrou as protestas dos profesionais sanitarios contra os recortes indiscriminados, a fuga de profesionais a outros países, os recortes nos MIR, as listas de espera, a sobrecarga de consultas, escaseza de persoal ou falla de cobertura para as baixas de vacacións, unhas queixas que se remontan cando menos a 2012.
Julio Torrado esixiulle ao goberno galego que “traballe para acreditar as novas prazas de MIR de Pediatría que vén de conceder o Ministerio” en tan só seis meses de xestión logo de que o goberno do PP fora incapaz de dar luz verde a esta demanda.