A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, cualificou hoxe de “inaceptable” que o goberno galego estea retrasando en máis de seis meses a concesión das axudas establecidas na Tarxeta Benvida para as familias con fillas fillos nacidos no ano 2018.
A responsable socialista advirte que esta situación, que reflicten hoxe os medios de comunicación, “está xerando desconcerto e preocupación nas familias”, dado que de acordo coa orde que regula as axudas, logo de catro meses sen resolución expresa, “as solicitudes teranse por desestimadas”.
Blanco lembra a urxencia destas axudas, importantes para persoas con recursos axustados, que nos primeiros meses logo do nacemento teñen que afrontar unha situación esixente polos numerosos gastos que conleva o nacemento dun pequeno ou pequena. Considera “inadmisible” que o goberno galego poida tardar seis meses en conceder unha axuda establecida para os primeiros doce meses de vida do neno ou nena.
A responsable socialista presentou unha batería de iniciativas parlamentarias nas que lle reclama ao goberno galego que axilice ao máximo a concesión da Tarxeta Benvida “a aquelas persoas que así o soliciten e teñan dereito a percibila”. Ademais, reclama modificar a orde que regula as axudas “para que o prazo para dispoñer desta axuda non sexa en ningún caso superior a un mes dende o rexistro da solicitude”.