O responsable de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, instou hoxe á Xunta a impulsar a inserción profesional dos novos titulados no ciclo formativo de Emerxencias e Protección Civil. O parlamentario socialista presentou unha interpelación no Pleno do Parlamento para urxir ao goberno galego a afondar na profesionalización e a mellora deste servizo.
Díaz Villoslada aludiu hoxe á posta en marcha en Galicia, a través do decreto 21/2017 que constitúe o currículo deste ciclo formativo de grao medio que, dixo, “posibilita unha inserción laboral inmediata e unha proxección profesional futura”. Apostou por “superar as accións parciais que se están levando ata este momento e encetar unha política de emerxencias homoxeneizada e xeneralizada”.
Explicou que precisamente o aumento dos campos de intervención e de empresas e organizacións que participan no ámbito da protección civil, “esixe unha unificación de criterios arredor da formación básica necesaria para a formación profesional experta de todas as persoas que traballan ou interveñen no sector”. Para iso urxe acadar “unha mellor preparación” a través da “formación que garanta a mellor capacitación posible”.
Lembroulle ao goberno galego a responsabilidade á hora de coordinar e xestionar un modelo integral de emerxencias, tal e como fixa a Lei de Emerxencias de Galicia aprobada en 2007. Acusou ao goberno galego de intentar derivar a responsabilidade nas entidades locais de Galicia, poñendo en cuestión de forma “desafortunada” a implicación dos alcaldes ao afrontar estes sucesos, como os lumes, as riadas de Viveiro ou, hoxe, o sinistro marítimo en Fisterra.