A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, vén de rexistrar unha proposición de Lei para que a Xunta leve a iniciativa para fixar un imposto disuasorio contra as bolsas de plástico dun só uso.
Explicou que esta Lei cumpre coa directiva da UE 720/2015 que o Goberno central aínda non aplicou incumprindo os prazos obrigados co programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (UNEP) que xa no ano 2005 fixou que tal imposto era a medida máis axeitada para a redución do seu consumo.
Vilán insta á Xunta a seguir o camiño de diversas comunidades autónomas, así como de numerosos países da UE onde o imposto xa existe dende fai anos e facer uso da súa potestade tributaria e competencia material para suplir o desleixo do goberno central ao aplicar a normativa comunitaria. Así, aposta por gravar o uso de bolsas dun só uso pero deixar exentas ás bolsas reutilizables, así como as biodegradables ou compostables.
Tamén quedarán exentas as bolsas utilizadas exclusivamente para conter peixe e carne frescas, froitas e hortalizas, así como alimentos cociñados e conxelados. O resto das bolsas sufrirán un tipo impositivo de 10 céntimos por cada bolsa dun só uso subministrada, que será de 15 céntimos a partires de 2020.
Día Mundial do Medio Ambiente
Os socialistas galegos presentarán esta iniciativa coincidindo coa celebración, o próximo 5 de xuño, do Día Mundial do Medio Ambiente, este ano centrado na loita contra a contaminación por plásticos, de acordo a chamada neste sentido realizada pola organización de Nacións Unidas.
Vilán explicou que se trata de frear co exceso de bolsas de plástico dun só uso, xa que cada persoa utiliza na UE cada ano 176 destes envases que teñen unha vida útil estimada de 15 minutos.
De acordo coa World Economic Forum, o 32 por cento dos plásticos utilizados polos seres humanos acaban na natureza, calculando que 8 millóns de toneladas destes residuos acaban nos mares e océanos cada ano, polo que no ano 2050 haberá flotando máis plásticos que peixes.