A deputada socialista Noela Blanco acusou hoxe á Xunta de “ter a Ourense esquecido” e padecendo a confluencia de gobernos do PP na Xunta, a Deputación e a capital provincial. Así o dixo logo de denunciar a negativa do goberno galego a implantar Hemodinámica 24 horas no Hospital de Ourense.
Blanco sinalou que “é a terceira vez que pedimos un servizo que non é un capricho nin un luxo asiático: é algo que necesitamos” para “salvar a vida” dos ourensáns que teñan a mala sorte de padecer un infarto despois das 22,00 h, a hora de peche do servizo. Explicou que no caso de A Veiga hai un desprazamento de 3 horas ata o Hospital de Vigo en coche particular.
Explicou que a mortalidade por doenzas cardíacas en Ourense sitúase no 59,7 por cen mil habitantes, fronte ao 32,7 da media estatal. Criticou a compracencia da Deputación e o comportamento do alcalde de Ourense como un “vasalo satisfeito”, que provocou o retraso da ampliación do horario de Hemodinámica cando en Lugo “tivérono moito antes porque contan cunha alcaldesa que reclama os dereitos da cidadanía”.
Sinalou que os lugueses seguen reclamando hemodinámica 24 horas mentres o alcalde de Ourense amósase “agradecido polas migallas dunha ampliación que obriga a desprazarse a Vigo a un terzo dos casos”.
Criticou o illamento sanitario da provincia por parte do goberno galego, que suprimiu cirurxía pediátrica as 24 horas, permite o peche de camas por saturación, ou deixar ao Hospital de Verín sen radiólogos nas fins de semana.