Paloma Castro esíxelle á Xunta que se sume ao recoñecemento de San Simón como Lugar de Memoria e colabore no recoñecemento das vítimas e a organización de accións pedagóxicas para o “coñecemento de feitos pasados co obxectivo da non repetición”
Advirte que “non se pode construír o futuro dende o silencio” e a conivencia do PP coa ultradereita á que “alimentan” sen preocuparse de que poidan “ser devorados por ela”
A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, acusou hoxe ao PP e ao goberno galego de “negar a realidade” dos asasinatos na Illa de San Simón no franquismo dentro da súa estratexia de “anos” nos que están “empeñados en difuminar a memoria dos represaliados”. Castro presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento logo da intervención do deputado do PP Ferro Iglesias, que negou no Parlamento os asasinatos na illa cando foi campo de concentración e de exterminio entre 1936 e 1943.
A responsable socialista advertiu que “non se pode construír un futuro dende o silencio” que quere impoñer o PP seguindo a estela da ultradereita que “avanza e arrasa ao seu paso tódolos avance acadados en democracia”. Acusou a este partido de “alimentar” as ideas desta opción política que “impón a súa moral e non respecta ao diferente”, sen pararse a pensar que chegará “un punto no que van ser devorados por ela”.
Afeoulle ao presidente da Xunta que despachara a polémica inventando un suposto “debate” entre historiadores sobre o acontecido, o que “demostra moi pouco coñecemento da nosa cultura” e dos paseos e asasinatos na illa, que están “perfectamente documentados” nos arquivos públicos. Apelou ás numerosas “voces de historiadores e historiadoras galegas que saíron reclamando unha rectificación e desculpas aos alí represaliados e ás súas familias”.
Castro esixiulle á Xunta que se sume ao recoñecemento da Illa como Lugar da Memoria por iniciativa do goberno central e ao amparo da Lei de Memoria Democrática. Reclamoulles que se sumen ao desenvolvemento de “accións precisas de recoñecemento e reparación ás vítimas, e establecendo accións pedagóxicas encamiñadas ao coñecemento de feitos pasados para que non se repitan”.
Negacionismo
Sinalou que estas afirmacións “non son un feito illado propio do desliz dun deputado, senón que forman parte do negacionismo que dende hai moitos anos mantén o PP coa historia da Illa de San Simón”. Advertiu que as súas afirmacións “están moi lonxe da realidade”, e negou que fora “unha ocorrencia dun deputado”, senón que apuntou ao propio portavoz do PP e á súa reacción desmedida cando a parlamentaria socialista relataba os feitos históricos que tiveron lugar na Illa.
Advertiu que este “negacionismo” do PP co sucedido na Illa de San Simón está detrás da decisión do goberno de Feijóo de facer desaparecer a exposición permanente lembrando aqueles sucesos que tivera posto en marcha o goberno de Pérez Touriño. O goberno do PP mudou a Illa da Memoria por unha Illa do Pensamento, e pasaron a organizar nela o festival Sinsal, xincanas, estancias de ioga ou unha conmemoración do Samaín que tivo que ser cancelado.
Explicou que San Simón foi “unha das prisións máis temidas” do norte de España, pola que pasaron máis de 6.000 presos entre 1936 e 1943, que conta con 500 mortes acreditadas por asasinatos ou malleiras, así como polas enfermidades derivadas das condicións de encarceramento.