O líder socialista destaca o traballo do persoal de emerxencias: “son heroes que defenden as nosas vidas, as nosas propiedades e a nosa economía en momentos de enormes dificultades”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe a zona do polígono do Ceao que se viu afectada polo incendio en compañía da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Deputación, José Tomé.
Dende alí, Gonzalo Caballero anunciou que pedirá á Xunta no Parlamento que poña en marcha un plan para respaldar o emprego nas empresas afectadas. “A Xunta de Galicia ten as competencias en materia industrial segundo o Estatuto de Autonomía”, recordou.
Así é que tendeu a man ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Economía “para dar axilidade a todas as iniciativas que se poidan levar a cabo para manter o emprego e as empresas que están gravemente afectadas”.
“É o momento de sacar isto adiante”, subliñou o máximo referente do PSdeG, antes de garantir “a total colaboración do goberno municipal de Lugo, coa alcaldesa á fronte, e do goberno provincial liderado polo presidente da Deputación”.
Ao respecto, sinalou que a primeira fase está en mana das compañías aseguradoras, pero deixou claro que ás administracións públicas corresponde traballar con “axilidade” para “dar futuro e mantemento de emprego a estas empresas”.
“Porque o polígono do Ceao é un pulmón industrial para Lugo, e o futuro deste polígono é fundamental para o emprego e a vida económica e industrial desta provincia”, engadiu Gonzalo Caballero.
AGRADECEMENTO AO PERSOAL DE EMERXENCIAS
Por outra banda, o líder do PSdeG trasladou o seu “agradecemento aos bombeiros, aos policías e a todos os servizos de emerxencias, que dende o primeiro momento estiveron pendentes do lume”.
“Quero poñer en valor o traballo de tantos servidores públicos”, destacou Gonzalo Caballero, para concluír que “son heroes que defenden as nosas vidas, as nosas propiedades e a nosa economía en momentos de enormes dificultades”.
Sobre todo, o dirixente socialista subliñou “como deron o mellor de si mesmos á marxe de turnos ou outros compromisos para priorizar a loita contra o lume e a defensa das propiedades e, por suposto, se fora preciso, das vidas das persoas”.
Do mesmo xeito, tras abordar o operativo cos bombeiros presentes na zona, resaltou o labor da alcaldesa de Lugo, coa que estivo en contacto “dende o domingo pola mañá”. “Quero agradecerlle a Lara Méndez que estivese na primeira liña de traballo en defensa da cidadanía, coordinando coas forzas de emerxencia a xestión deste incendio, para evitar que fora a máis”, finalizou Gonzalo Caballero.
LARA MÉNDEZ
Pola súa banda, a rexedora de Lugo, Lara Méndez, agradeceu ao secretario xeral a súa “preocupación”. “A primeira chamada que recibín á marxe da policía local, bombeiros e emerxencias foi a de Gonzalo Caballero”, valorou.
Canto ao incendio, indicou que xa se iniciaron traballos de derrubamento dalgunhas naves e que os bombeiros están aínda traballando para humedecer a zona.
No que atinxe ás administracións, agregou Lara Méndez, corresponde actuar “con axilidade” e “colaborar cos afectados para tentar recuperar a normalidade canto antes”.
A alcaldesa de Lugo agradece a “preocupación” amosada por Gonzalo Caballero dende que se declarou o lume e subliña que cómpre “colaborar cos afectados para tentar recuperar a normalidade canto antes”.