O voceiro parlamentario do PSdeG pon en valor o encaixe como unha actividade que “dá posibilidades de futuro e crecemento económico” a toda unha bisbarra
O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe a XXX Mostra do Encaixe de Camariñas xunto á alcaldesa, Sandra Ínsua, e á concelleira de Encaixe, Encarna Liñares.
Dende alí, o voceiro socialista puxo en valor o encaixe como unha actividade “de referencia” que “dá posibilidades de futuro” á vila, así como “crecemento económico” aos municipios da contorna.
“Trasladamos todo o apoio das e dos socialistas galegos para que a mostra continúe sendo unha referencia da artesanía e da tradición local”, subliñou Gonzalo Caballero.
Neste senso, sinalou a importancia de que esta tradición continúe no tempo, xa que “é un xeito de construír país” e amosou “o noso compromiso coa cultura galega e cunha tradición cun enorme arraigo” que é recoñecida nacional e internacionalmente.
Por último, Gonzalo Caballero trasladou os seus parabéns á organización e ás palilleiras no ano no que cumpren trinta edicións celebrando a mostra.