O secretario xeral non ve “convincente” que Feijóo fale de “compromiso con Galicia” tras “semanas pensando na súa carreira política”
Vigo, 19 de xuño de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sinalou hoxe o “tacticismo” que se desprende da decisión de Feijóo de non competir por dirixir o seu partido, ata o punto de que a visión que tratou de achegar “non resulta convincente”.
“Non parece convincente que o Feijóo que estivo pensando durante semanas que ía facer coa súa carreira política intente agora xustificar a súa decisión en base ao seu compromiso con Galicia”, recalcou Gonzalo Caballero.
De feito, o líder dos socialistas galegos atribuíu a súa renuncia a que Feijóo “é consciente de que non ten a capacidade de levar o PP ao goberno de España” e “de que a súa figura política non é a adecuada para abrir o proceso de rexeneración, exemplaridade e renovación” que require o PP.
Ao fío disto, Gonzalo Caballero recordou que tratou de “impedir que se fale da condena ao PP pola Gürtel no Parlamento” e que “se nega a pedir a dimisión de Telmo Martín”, alcalde de Sanxenxo cuxa construtora foi condenada polo cobro de sobreprezos en vivenda pública.
CÁLCULO ELECTORAL
“O PP necesita abrir un novo tempo político de rexeneración e exemplaridade, e Feijóo non dá o perfil”, resumiu o secretario xeral do PSdeG, ao tempo que puxo o foco en que a seu paso atrás tamén garda relación co propio “cálculo electoral”.
E é que, como sinalou Gonzalo Caballero, “o PP está nunha fase de profundo retroceso electoral en España, e tamén en Galicia”. “Feijóo é consciente de que en Galicia empeza a existir un movemento de cambio que pode construír unha nova maioría social”, evidenciou, antes de recalcar que “o PP empeza a ver que as contas non lle dan” porque “non ten proxecto para Galicia”.
“MAIORÍA DE CAMBIO”
Neste escenario, o líder do PSdeG deixou claro que, ao igual que “os socialistas permitimos un cambio de ciclo en España pola esquerda”, en Galicia “estamos traballando arreo” para facer tamén o propio fronte a un Feijóo que “se ten esquecido dos intereses de Galicia e dos galegos”.
Feijóo, proseguiu Gonzalo Caballero, ten sido “incapaz de dar solución aos principais problemas de Galicia” e “non ten posibilitado avances para os galegos”, porque “non conecta coa Galicia urbana e ten abandonado a Galicia interior e rural”.
“A súa terceira maioría absoluta deixa unha Galicia con menos posibilidades de futuro, máis recortes sociais, unha industria e unha economía sen folla de ruta…”, enumerou o líder do PSdeG, quen garantiu que seguirá “traballando de forma constante para xerar unha maioría social de cambio no país”.