O secretario xeral visita Valdeorras para denunciar a falta de persoal sanitario na bisbarra: “É unha alerta vermella do que non podemos consentir”
O alcalde do Barco denuncia que “hai que ir cada vez máis a Ourense para recibir unha asistencia que antes se prestaba no hospital comarcal”
O Barco de Valdeorras, 18 de outubro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, analizou hoxe o anteproxecto de Orzamentos presentado pola Xunta para rexeitar que agora pretenda prometer “todo o que Feijóo non fixo en 11 anos” á fronte do goberno galego.
“É unha carta aos reis magos despois do fracaso de Feijóo ao longo de once anos de goberno”, recalcou o líder dos socialistas galegos durante unha visita a Valdeorras, ao tempo que apuntou que “Feijóo xa non ten credibilidade diante dos galegos e das galegas”.
“Son uns orzamentos que son os dos oito meses que lle quedan a Feijóo á fronte da Xunta de Galicia, e polo tanto son unha carta de despedida despois de once anos de falla de axudas e de falla de resultados positivos para o país”, resumiu Gonzalo Caballero.
Sobre todo, como dixo, porque “acabamos de coñecer os datos sobre pobreza e exclusión en Galicia” e supoñen “unha chamada de atención moi preocupante”. “Hai máis de 620.000 galegos en risco de exclusión ou de pobreza, dez mil máis que nos último ano”, evidenciou o máximo dirixente do PSdeG.
Por tanto, afondou, “os orzamentos que presenta Feijóo son uns orzamentos de propaganda e sen compromiso coas necesidades reais do país”.
“O 5% de galegos que teñen ingresos menores a 370 euros é unha clara mostra da falla de compromiso que tivo coas necesidades sociais dos galegos e contrastan cos grandes anuncios que fai”, remachou Gonzalo Caballero, crítico con que “baixen os impostos a aqueles niveis de renda e de patrimonio máis elevados en vez de apostar por dar solución á sanidade pública galega”.
Así pois, o candidato socialista á Presidencia da Xunta concluíu que “a solución política” ás necesidades de Galicia “pasará por un cambio de ciclo e por unha nova maioría parlamentaria”.
VISITA A VALDEORRAS
Durante a súa visita ao Barco de Valdeorras en compañía do alcalde, Alfredo García, así como de concelleiros socialistas e candidatos ás eleccións xerais pola provincia, Gonzalo Caballero aproveitou para manter unha reunión coa xunta de persoal do Hospital Comarcal.
“Na sanidade pública galega hai un déficit e unha crise moi importante pola falla de atención da Xunta”, sinalou, e xulgou “especialmente preocupante” a situación que se vive na bisbarra a causa da falta de persoal e da distancia que hai ata a capital de provincia. “É unha alerta vermella do que non podemos consentir”, advertiu.
Ademais, o secretario xeral fixo fincapé noutras das grandes eivas da etapa de Feijóo como son a “desatención” á Galicia interior e “a provisión de servizos públicos”.
“A Xunta ao longo destes once anos implicou un retroceso nas políticas sociais moi importante. Hai menos docentes e menos unidades, faltan prazas en residencias para a terceira idade… e estes exemplos están moi presentes na bisbarra de Valdeorras”, incidiu, antes de reclamar que “os veciños e veciñas de Valdeorras poidan ter unha calidade de vida digna e equiparable á de calquera outro cidadán”.
“Somos conscientes de que Valdeorras existe, e ten que estar no centro de atención das políticas de todos os gobernos”, destacou Gonzalo Caballero, para contrastar a nula actuación da Xunta co “compromiso” amosado polo goberno socialista tanto en cuestións relativas á suba de pensións como en medidas específicas para Valdeorras como “a demanda histórica da circunvalación“.
A SANIDADE PÚBLICA, “O PRINCIPAL PROBLEMA” DE VALDEORRAS
Pola súa banda, o alcalde do Barco, Alfredo García, agradeceu a visita do secretario xeral do PSdeG ao Barco para “abordar os problemas da bisbarra” de Valdeorras.
En concreto, o rexedor subliñou que “o principal problema” é o da sanidade pública, posto que, aínda que se trata dunha eiva xeneralizada en toda Galicia, nesta comarca “maniféstase con máis crudeza” pola distancia á que se atopa do hospital de referencia máis próximo.
“Cada vez temos peores servizos, e hai que ir cada vez máis a Ourense para recibir unha asistencia que antes se prestaba aquí”, remarcou Alfredo García antes do inicio da reunión coa xunta de persoal do Hospital Comarcal de Valdeorras.
Así pois, recalcou que “o obxectivo é recuperar os niveos de calidade da sanidade pública que tivo este hospital”. “Non é discutible, non podemos aceptar que baixa a calidade do servizo”, concluíu, rexeitando así o desmantelamento do centro hospitalario.