O secretario xeral do PSdeG recorda que a Xunta segue sen facer probas aínda a moitos profesionais sanitarios e residencias de maiores cando hai tests dispoñibles desde hai semanas
O líder socialista sinala que “despois de 11 anos de recortes na sanidade, de privatización do modelo de residencias e de redución do emprego, Feijóo ten que estar á altura das circunstancias nesta crise tan grave e colaborar”
Santiago, 19 de abril de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, recriminou hoxe a Feijóo que está “máis ocupado na propaganda que en traballar lealmente co goberno de España”, toda vez que os 110.000 tests que se enviaron a Galicia seguen sen utilizarse a pesares das necesidades existentes.
“En Galicia seguen sen probas moitos profesionais sanitarios e moitas residencias”, recordou Gonzalo Caballero, ao tempo que sinalou que o goberno de España está potenciando a realización de probas diagnósticas nos distintos territorios para enfocar a contención da pandemia do coronavirus.
De aí que, como apuntou o líder dos socialistas galegos, o goberno de España acordara o envío de máis de dous millóns de tests rápidos ás comunidades.
É por iso que Gonzalo Caballero urxiu a utilización destes tests, porque “cada día que pasa sen facer os tests é un día perdido, e xa van moitos”. Feijóo anunciou que destinará a un estudio epidemiolóxico paralelo ao do Ministerio de Sanidade eses tests, e que comezará a finais de mes. “Ten que estar á altura das circunstancias e atender as necesidades de Galicia”, esixiu.
“QUE SEXA DILIXENTE”
Neste escenario, o máximo dirixente do PSdeG indicou que Feijóo celebraba onte na súas redes sociais que cumpre 11 anos dende que chegou á presidencia da Xunta.
“Foron 11 anos de recortes na sanidade pública, de privatización do modelo de residencias e de redución do emprego, cuestións que agora son clave para afrontar esta crise”, evidenciou Gonzalo Caballero, para requirirlle a Feijóo que “polo menos, agora ten que estar á altura”. “Que sexa dilixente nas súas competencias e que traballe con lealdade co goberno de España”.ue