O secretario xeral do PSdeG apoia dar “un paso adiante” e convencer de que “é momento dun cambio político” dun goberno “inundado pola corrupción”
Madrid, 28 de maio de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asistiu este luns ao Comité Federal do PSOE encabezando a delegación dos socialistas galegos. Á súa chegada, puxo en valor que Pedro Sánchez está facendo “o que piden millóns de cidadáns progresistas fartos da corrupción” ao presentar un proxecto alternativo para o país “dende unha esquerda sen complexos”.
“Os socialistas galegos consideramos moi importante para o país que haxa un cambio político, un cambio de ciclo”, subliñou Gonzalo Caballero ante os xornalistas, ao tempo que aplaudiu unha moción de censura que permita desaloxar a “un goberno inundado pola corrupción” e que “non ten un proxecto que aproveite a recuperación económica” para que esta chegue tamén á cidadanía.
“A esquerda ten que dar un paso adiante”, destacou o líder dos socialistas galegos, posto que o PSOE é “un partido de goberno” e que ten “capacidade e experiencia” para conducir o país. Nese senso, defendeu que “temos que lograr un goberno que manteña os avances económicos e sociais que os socialistas permitimos cando gobernamos, e nos que a dereita implica un retroceso moi importante”.
Así é que o secretario xeral do PSdeG amosou o seu respaldo á decisión da Executiva Federal do PSOE de “presentar un proxecto para o país” para convencer tanto ao Congreso como á cidadanía de que “é momento de cambio”. “Pedro Sánchez está actuando con responsabilidade”, destacou, en alusión ás conversas entre ambos nas últimas datas, para apoiar a opción de relevar ao goberno do PP.