O secretario xeral do PSdeG participou no Comité Federal no que se aprobou o novo regulamento para chamar tamén a seguir “asentando” o partido como “principal forza da esquerda” e única “alternativa” ao PP
Aranjuez, 17 de febreiro de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou este sábado no Comité Federal do PSOE no que se aprobou o novo regulamento. Dese documento destacou que combina “mecanismos de democracia representativa”, que permiten “dar goberno” ao partido, con ferramentas de “democracia participativa”, que afondan na capacidade de aportación da militancia.
Non en van, comentou que el mesmo tratou o asunto co líder do PSOE, Pedro Sánchez, para definir un partido “máis aberto” pero coa facultade de que a dirección poida construír equipos e “deseñar unha proposta de cambio no país”.
E é que, como explicou aos xornalistas Gonzalo Caballero, a “ampla participación das bases” ten que conxugarse coa “lexitimidade e responsabilidade” que teñen os órganos do partido, nomeadamente a executiva que encabeza Pedro Sánchez, de “acadar un PSOE máis forte” e “capaz de lograr un cambio de goberno” no conxunto do país.
Tras resaltar que o PSdeG é “un exemplo de partido moi aberto”, pois os militantes teñen “moita participación e moito peso” -como mostra a composición do Comité Nacional-, o líder dos socialistas galegos puxo o foco na relevancia do cambio político.
Así, recalcou que o PSOE “está asentado como principal forza política na esquerda” e como “alternativa ao goberno de Mariano Rajoy”. Mentres forzas denominadas ‘emerxentes’ xa están “en retroceso electoral”, proseguiu, os socialistas teñen que estar “na vangarda das ideas, das persoas e os proxectos”. “Para que non ocorra que que outra forza de dereitas tente aparecer como relevo da dereita actual”, finalizou.