O secretario xeral destaca o “exercicio de responsabilidade” do goberno de España ao decretar a paralización da actividade económica non esencial e recomenda lealdade e cooperación
Santiago, 1 de abril de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, chamou hoxe á Xunta a “reforzar” o sistema público de saúde ante os casos de “contaxio masivo” de coronavirus que se produciron en residencias de maiores, onde hai xa máis de 450 afectados. “É unha situación que nos preocupa moito”, sinalou.
Nunha comparecencia telemática ante os medios de comunicación, o líder dos socialistas galegos pediu “un plan urxente” de atención sanitaria e social que supoña incrementar o persoal, o material e as infraestruturas nestes dous eidos, ambos competencia da Xunta.
Trátase, segundo as súas propias palabras, de tomar medidas fronte a “un escenario moi complexo” que podería levar ao límite ao sistema de saúde, dado o número de camas de UCI existentes. “Xa haberá tempo para avaliar que pasou ante o desbordamento das previsións de contaxios en residencias que tiña a Xunta”, subliñou.
Polo momento, como enumerou Gonzalo Caballero, toca “aumentar” o persoal a través de “contratos estables”, estender a realización de tests, intervir as residencias cun moitos contaxios e controlar as demais, e afondar na adquisición de material de protección. “Hai que redobrar os esforzos”, incidiu.
Ademais, o máximo dirixente do PSdeG puxo o foco na necesidade de fortalecer o sistema sanitario ante a chegada do pico da curva de contaxios nas próximas semanas. “Fai falta ter unha sanidade robusta para resistir”, recalcou, para chamar así a “adoptar todas as medidas” que sexan necesarias.
En paralelo, Gonzalo Caballero reclamou tamén á Xunta a desenvolver medidas no eido económico que, dende a administración autonómica, acompañen a iniciativa do goberno de España, tal e como están facendo xa concellos e as deputacións, que están dispoñendo xa axudas para comida e fármacos para a poboación con dificultades.
“FREAR A CURVA”
Gonzalo Caballero aproveitou para poñer en valor o traballo do persoal sanitario e do que traballa en servizos sociais, así como para amosar o seu apoio ás persoas confinadas nos seus domicilios e para transmitir as condolencias a quen perderon algún ser querido a causa da pandemia.
“Todos estamos na mesma batalla”, manifestou, e destacou que “cada vez hai máis persoas que superan o virus”. Polo momento, sinalou, o goberno que preside Pedro Sánchez está poñendo “a prioridade na saúde” ao decretar a paralización da actividade económica non esencial, sen perder de vista a atención aos traballadores.
“As medidas que se están aplicando eran imprevisibles hai uns meses, pero imprescindibles para saír desta crise, e polo tanto entre todos e todas temos que dar resposta a esta situación para frear os contaxios”, recordou o líder socialista, quen garantiu “lealdade” co goberno e a Xunta na loita contra o covid-19.