O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, instou hoxe ao presidente da Xunta a que “tome cartas” no saneamento do río Sar, nun “estado deplorable, mesmo recoñecido como deficiente por Augas de Galicia”. Así o dixo durante unha visita ao Paseo Fluvial de Bertamiráns xunto co alcalde de Ames, José Miñones, e o portavoz socialista en Santiago, Paco Reyes e os voceiros socialistas dos concellos das marxes do Sar.
O líder socialista sinalou que “o nivel de contaminación do río Sar non é admisible no século XXI” e lembrou as competencias do goberno galego no coidado dos ríos de Galicia, que “constitúen un patrimonio de riqueza que temos que mimar”. Anunciou neste sentido unha serie de iniciativas parlamentarias no Parlamento e mocións nos concellos da conca do Sar para incluír o estado do río na axenda da actualidade.
Caballero fixo este anuncio diante da celebración, a próxima semana, do Día Mundial do Medio Ambiente, e amosou a súa “sorpresa” pola denuncia do portavoz do PP no Concello de Santiago do estado do río “cando a Edar de Santiago e Ames é competencia do PP na Xunta e no goberno central”.
Alcalde de Ames
O alcalde de Ames, José Miñones, lamentou que o goberno galego continúe “sen escoitar nin atender ás nosas demandas” logo das “moitas oportunidades nas que reclamamos a mellora medioambiental do río e denunciando in situ o seu estado”. O responsable socialista instou a “deixar de buscar culpables e comecemos a buscar solucións”.
Criticou que a conselleira de Medio Ambiente “segue sen recibir a un alcalde logo de tres anos” e considera “indignante vernos obrigados a denunciar nos medios sen que a Xunta atenda ao máximo representante de tódolos veciños e veciñas de Ames”.
Instou a “tomar decisións máis alá os anuncios do ex conselleiro de Medio Ambiente de investir 5 millóns de euros en Ames” e comezar a executar os proxectos pendentes porque “toca comezar a actuar dende a Xunta e frear o mal cheiro e a situación desbordante do entorno”.
Inaccións
O portavoz socialista en Santiago, Paco Reyes, lembrou que “estamos pendentes dunha solución, solución que se enmarca en dúas inaccións: a do goberno de Compostela Aberta, que durante tres anos non fixo nada e finalmente en tempo de desconto presentou dunha nova tecnoloxía para ampliar a depuradora en Silvouta, e por outra banda, a do PP e as administracións nas que goberna, que están absolutamente enrocadas en que a solución ten que ser O Souto, baseado nun estudo de impacto ambiental recorrido e admitido a trámite polo TSXG”.
Así, o grupo municipal socialista o que urxe é un calendario definitivo que permita unha ubicación que non sexa O Souto coa mellor das tecnoloxías e que non supoña a perda dos recursos comunitarios. “Santiago non pode achegar o que as administracións gobernadas polo PP pretenden, un 20% e todas as desviacións que se produzan”, manifestou o concelleiro, cualificando isto como “inaceptable”, senón que considera que a aportación municipal debe ser similar á que fixo Ourense ou, como moito, a da EDAR de Vigo.