O líder do PSdeG destaca “o comportamento responsable” da cidadanía galega e tamén da mocidade nesta desescalada, e chama a ir acadando “liberdade e interacción pero con responsabilidade e prudencia”
O secretario xeral do PSdeG avanza que este xoves manterá unha xuntanza de traballo en Madrid coa vicepresidenta económica, Nadia Calviño, para abordar a reactivación
Santiago de Compostela, 10 de maio de 2021. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, abordou hoxe o inicio da desescalada para sinalar que é o momento de combinar “o fortalecemento do sistema sanitario e do proceso de vacinación” coa reactivación económica.
Ao fío diso, nun día que van chegar a España 1,7 millóns de vacinas de Pfizer e cando se prevé que ao longo deste verán estea inmunizado o 70% dos galegos, o líder do PSdeG apelou a seguir afondando na desescalada. “O modelo asturiano é a nosa referencia”, destacou, logo de recordar que el mesmo propuxo ampliar gradualmente os horarios da hostalería e que a Xunta secundou esa vía.
De feito, sinalou que o comportamento da cidadanía galega nesta desescalada está sendo “exemplar en termos xerais” e tamén no que atinxe á mocidade, á que pediu “non estigmatizar”.
Así pois, Gonzalo Caballero chamou a continuar actuando “con prudencia e responsabilidade” ante unha rebaixa das restricións que permite “máis liberdade de movementos e interacción” e máis actividade económica.
REACTIVACIÓN ECONÓMICA
En relación co aumento da actividade económica, o máximo dirixente do PSdeG reclamou á Xunta que “faga a súa tarefa” e poña en marcha medidas para fomentar a reactivación.
Ata o momento, subliñou, “a Xunta non está facendo nada relevante” en materia económica a pesares de contar con máis de 1.200 millóns de euros adicionais que remitiu o goberno de España. “E cada día que pasa sen mobilizar eses fondos é un día perdido”, evidenciou.
Fronte a ese “letargo”, Gonzalo Caballero urxiu á Xunta a “darlle uso” a eses cartos, así como á partida que segue pendente de destino na comisión de reactivación. “Se non é quen de facelo, que a poña en máis da xente e das empresas e autónomos con dificultades ou dos concellos, que poden xestionalos”, remarcou, ao tempo que volveu “tender a man” ao goberno galego para colaborar nesa liña.
XUNTANZA CON NADIA CALVIÑO
Ao fío da cuestión económica, o secretario xeral do PSdeG anunciou que este xoves manterá unha xuntanza de traballo en Madrid coa vicepresidenta segunda, Nadia Calviño, para abordar a axenda galega.
Finalmente, Gonzalo Caballero reclamou ao presidente da Xunta que exerza coas súas competencias e “faga os deberes” para impulsar realmente a economía de Ferrolterra.
Lembrou que en 12 anos de goberno de Feijóo “non tomou unha soa medida importante” para a comarca, “máis alá de compromisos baleiros e de cartas aos reis magos”, como a última ocorrencia de ofrecer un “pacto por Ferrol” que en realidade é unha “cortina de fume” para agochar a falla de iniciativa da Xunta.
O líder dos socialistas galegos acusou ao presidente da Xunta de exercer a “política do avestruz” con relación a Ferrolterra, tratando de agochar a súa falla de iniciativa e a “escapada sen recoñecer o seu fracaso continuo”.
“Se o PP quere ter credibilidade, ten que tomar medidas, exercer as súas competencias e buscar fondos e proxectos industriais para a cidade”, finalizou. “Os socialistas estamos dispostos a traballar e a comprometernos na reactivación para Ferrolterra, pero vemos á Xunta inactiva e escapando das súas responsabilidades”.