O secretario xeral reclama un plan de emprego xuvenil, políticas de vivenda para mozos e actuacións para mellorar a súa formación e empregabilidade
Santiago, 23 de maio de 2021. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, puxo hoxe no foco a situación dos mozos e das mozos de Galicia nun momento no que a EPA revela un paro xuvenil “disparado ata o 37% en Galicia no primeiro trimestre do ano”.
“Non pode ser que a única política da Xunta sexa abrirlles as portas ás mozas e aos mozos para que marchen”, resumiu o líder do PSdeG.
Fronte aos “brazos caídos” da Xunta ante esta situación, Gonzalo Caballero instou a Feijóo a que “desenvolva un plan de emprego xuvenil e un programa de vivenda para a mocidade” e a que poña en marcha “actuacións para mellorar a formación e empregabilidade dos nosos mozos e mozas”.
Trátase, como remarcou o dirixente socialista, de “dar oportunidades na terra” aos mozos e mozas, cando xa tantos milleiros “tiveron que abandonar o país”.
“Cómpre que a Xunta faga políticas para darlle futuro á mocidade galega, para que os máis novos non teñan que abandonar Galicia”, concluíu Gonzalo Caballero.
“A reactivación só é posible apostando pola mocidade”, recalcou o máximo responsable do PSdeG, quen contrastou a “inacción” da Xunta co plan de choque de emprego xuvenil anunciado polo presidente do goberno de España, Pedro Sánchez, dotado con 1.365 millóns de euros.