O voceiro parlamentario do PSdeG sinala a “falla de impulso e dinamismo” de Galicia ao coñecer os datos do paro: “a recuperación económica é máis tibia en Galicia e ten datos peores que no resto de España”
A vicevoceira do Grupo Socialista, Paloma Castro, censura o sistema de rastrexo do Sergas e pide “protocolos axeitados de illamento, confinamento e prevención”
A voceira de Política Social, Marina Ortega, insta a abordar a gratuidade das escolas infantís “dende xaneiro de 2022” cando “hai fondos” procedentes do goberno do Estado
O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, urxiu, hoxe, á Xunta, xunto á vicevoceira do Grupo Socialista, Paloma Castro, e á portavoz de Política Social, Marina Ortega, a dar “un xiro que reforce as políticas educativas para facelas máis acordes ás necesidades da covid” cando, a día de hoxe, hai máis de 1.300 contaxios nos centros educativos e máis de 100 aulas pechadas en Galicia.
“Feijóo errou ao despedir a 868 profesoras e profesores de reforzo e aumentar o ratio de alumnas e alumnos por aula” con respecto ao curso pasado, alertou o dirixente socialista, tras amosar a “fonda preocupación” polo incremento de casos de covid nos centros educativos que están provocando unha “enorme incerteza” entre a comunidade educativa.
Neste sentido, Gonzalo Caballero sinalou que a Xunta “non está facendo ben os deberes”, xa que existe unha “falla de protocolos” que repercuten nun nivel de incidencia “preocupante” nas escolas galegas. Por iso, pediu ao goberno galego “que actúe e tome todas as medidas pertinentes” para evitar que os gromos dos centros escolares poidan acabar chegando a outros ámbitos da sociedade, como as familias.
En canto ás medidas adoptadas polo goberno galego, o voceiro socialista anunciou que apoiarán as medidas propostas polo comité clínico, pero alertou sobre o risco de “volver caer nunha estratexia de ‘Salvar o Nadal’ que foi un fracaso e un problema o ano pasado”, polo que pediu á Xunta “fortalecer a sanidade e a educación pública”, xa que reforzar os servizos públicos “é a mellor resposta para ter garantías fronte ao virus”.
Ademais, subliñou, cómpre “tomar medidas económicas de apoio aos sectores afectados”, como é o caso da hostalaría, e máis “cando se están limitando as súas posibilidades de negocio” coas reducións de aforos por mesa.
PALOMA CASTRO DENUNCIA A “INEFICIENCIA” DO SISTEMA DE RASTREXOS
Pola súa banda, a vicevoceira do Grupo Socialista, Paloma Castro, criticou o sistema de rastrexos do Sergas tras vivir en primeira persoa a “ineficiencia” dun servizo no que “os rastrexadores non chaman nos días seguintes aos contactos estreitos dos nenos, senón moito despois”.
“É necesario que, pola saúde dos nenas e nenos, se intensifique un protocolo de actuación nos colexios”, polo que a Xunta “ten que tomar medidas urxentes” cando a “saúde dos nenos e nenas é prioritaria” e tendo en conta que as e os menores de 12 anos “aínda non están vacinados”. “Temos que ter uns criterios axeitados de illamento, confinamento e prevención” que agora mesmo “non se están a dar”, o que pode provocar “contaxios masivos”.
MARINA ORTEGA URXE A PÓR AS ESCOLAS INFANTIS DE BALDE “DENDE XANEIRO DE 2022”
Doutra outra banda, a voceira de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, avanzou que o PSdeG levará ao próximo pleno da Cámara galega unha proposición non de lei para instar ao goberno galego a facer efectiva a gratuidade das escolas infantís de cero a tres anos “dende xaneiro de 2022”, cuestión que “se pode executar porque hai fondos”.
Así, sinalou que “por parte do estado van chegar dondos importantes”, en concreto, unha partida de máis de 17 millóns de euros para prazas de educación infantil, polo que “o goberno galego ten que optimizar os recursos” dispoñibles. “É urxente que canto antes se execute este anuncio que fixo o goberno galego”, sentenciou, xa que “non podemos agardar a setembro”.
O EMPREGO GALEGO EN NOVEMBRO: RECUPERACIÓN “MÁIS TIBIA” E CON DATOS “PEORES” QUE O RESTO DE ESPAÑA
Ao respecto dos datos do paro publicados hoxe, Gonzalo Caballero lamentou que, malia que “estamos conseguindo recuperar niveis de emprego”, en Galicia “a redución do paro foi menor que no conxunto de España no mes de novembro”, o que deixa claro que na nosa comunidade “hai dinámicas propias que amosan unha falla de impulso e dinamismo propio por parte das políticas da Xunta”.
“A recuperación económica en Galicia é máis tibia e tivo datos peores de emprego que o resto de España nestes últimos meses”, sentenciou o voceiro socialista quen lamentou a “falla de pulso” da política económica da Xunta que carece de compromiso e enfoque para a xeración de emprego. Así, sinalou que, cando Feijóo dicía que Galicia resistía mellor á crise ao longo da pandemia, “tiña que ver coa estrutura produtiva da nosa comunidade, na que ten menos peso o turismo e máis sectores como o agropecuario que no conxunto de España”.
Neste sentido, Gonzalo Caballero lamentou a “caída” da poboación ocupada ao longo dos últimos 12 anos e a baixa taxa de actividade da economía galega. “É fondamente preocupante e amosa que perdemos dinamismo”, sinalou, logo de incidir en que necesitamos unha “nova política económica que impulse os sectores produtivos” e que se enfoque, especialmente, nos grupos poboacionais máis afectados como as mulleres, a mocidade e as e os parados de longa duración
A TRANSFERENCIA DA AP-9
Preguntado pola transferencia da AP-9 a Galicia, o voceiro parlamentario do PSdeG reivindicou que, durante a súa etapa á fronte da secretaría xeral do PSdeG, “conseguimos afrontar retos históricos en materia de infraestruturas co goberno de España” como a chegada do AVE a Galicia ou as rebaixas “históricas” da AP-9.
Ao fío disto, sinalou que “a nosa prioridade é rebaixar as peaxes, foi un paso histórico e, á vez, temos que seguir traballando e abordando o reto da transferencia da AP-9”. “Haberá que buscar as fórmulas xurídicas que fagan viable a transferencia e aquela xestión que, por proximidade, poida ser máis eficiente”, concluíu.