Santiago, 21 de abril de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, lamentou hoxe que a Xunta “non está dando respostas” nin “solucionando os problemas” que existen no eido escolar como consecuencia da crise do coronavirus, tanto no que atinxe ao peche do curso académico como no relativo á convocatoria das oposicións para o corpo docente.
Sobre o curso escolar, o líder dos socialistas galegos criticou que Feijóo diga que “non lle convence” o acordo asinado entre o Ministerio de Educación e as comunidades autónomas “sen trasladar cal é a súa posición”.
“É necesario que clarifique a súa postura e que aclare se é partidario de obrigar aos nenos a acudir ás aulas antes do verán”, remarcou Gonzalo Caballero, consciente dos problemas que poden xurdir como consecuencia da celebración de clases presenciais.
En paralelo, o máximo dirixente do PSdeG recordou que xa propuxo á Xunta que dispoña máis medios e máis facilidades de conexión para que os alumnos poidan acceder aos materiais e ás actividades de xeito virtual.
Canto á oferta de emprego público, Gonzalo Caballero amosou a súa “preocupación” pola actitude que está tendo Feijóo ao non despexar o calendario. “Parece que prefire botar un órdago aos opositores e seguir sen posición, no limbo da confusión”, reprobou, e reclamou que se “consensúe” unha solución á problemática do calendario que “dea certezas” a quen levan preparando as oposicións durante moitos meses.