O secretario de Xustiza do PSOE pide “frenar la destrucción de Europa que ha planificado la extrema derecha” e “optar por la paz y la concordia”
Baiona, 20 de maio de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e o secretario de Xustiza e Novos Dereitos do PSOE, Andrés Perelló, desprazáronse este luns ata o mercado de Sabarís en compañía do candidato á alcaldía de Baiona, Carlos Gómez, e do alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, entre outros membros do partido.
Dende alí, o líder dos socialistas galegos recordou “o varapalo sen precedentes” que recibiu o PP nas xerais, tamén en Galicia, porque “a cidadanía dixo non a un Feijóo máis preocupado pola súa imaxe e pola súa posición persoal que por dar un bo goberno a Galicia”.
Por iso, Gonzalo Caballero chamou a apostar por alcaldes e alcaldesas socialistas o vindeiro domingo “para que o progreso siga avanzando en Galicia” e “para que o fin do PP á fronte da Xunta sexa unha realidade máis pronto que tarde”. “Un novo triunfo socialista será o inicio do fin de ciclo de Feijóo”, remarcou.
“Temos unha nova oportunidade para reprobar a un presidente que non está á altura das circunstancias”, enfatizou o secretario xeral tras recordar que unha maioría de galegos e galegas, o 55%, optou por forzas progresistas o pasado 28 de abril, fronte a un 44% que apoiou á dereita e á ultradereita.
Sobre todo, como dixo Gonzalo Caballero, porque Feijóo “non foi un bo xestor”, toda vez que non mellorou o desenvolvemento económico de Galicia ao tempo que “recortou en dereitos e servizos públicos” e non ofreceu “un futuro de posibilidades” para a xuventude.
“Facemos un chamamento a todos os que queren unha Galicia de progreso para que vaian a votar ao PSdeG. Somos a referencia de progreso, liberdade, solidariedade, benestar e compromiso co galeguismo e cunha Galicia que funcione mellor”, concluíu o máximo dirixente do PSdeG.
ELECCIÓNS EUROPEAS
En paralelo, Gonzalo Caballero sinalou que o vindeiro domingo “xogámonos tamén a Europa que queremos”, posto que sobre ela pende “unha ameaza da man da ultradereita”. Por iso, coa “forza” do PSOE tras o triunfo nas eleccións xerais, apelou “ao voto útil de todos os progresistas”.
“Para que Europa progrese e o benestar da cidadanía estea por riba dos riscos de desintegración e de retroceso que implica a ultradereita”, remarcou o líder dos socialistas galegos, consciente de que a ultradereita que en España representa Vox “ameaza o noso modelo de convivencia”. “E iso preocúpanos”, engadiu.
Ao respecto, Andrés Perelló chamou a “frenar la destrucción de Europa que ha planificado la extrema derecha” e a “optar por la paz y la concordia” que representa a UE, “el mejor espacio de libertad y de seguridad del mundo”. E, nese sentido, como dixo, temos que “movilizarnos” para apoiar ao PSOE.
Ademais, o dirixente socialista pediu a Galicia que “igual que optó por el progreso y no por la regresión” o pasado 28 de abril, agora “vuelva a hacerlo”. “Hagamos una red de alcaldes socialistas para poner las cosas fáciles a los ciudadanos”, apuntou, en contraposición coa vontade do PP de “poñer as cousas difíciles ao goberno socialista”.
VAL MIÑOR
Pola súa banda, o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, sinalou que o seu concello necesita “un goberno forte”, de xeito que pediu o apoio dos seus veciños e veciñas “de xeito decidido e comprometido” para “seguir avanzando”.
A continuación, o candidato socialista á alcaldía de Baiona, Carlos Gómez, situou tamén á súa veciñanza no centro do seu proxecto e comprometeu traballo para dar resposta “ás súas necesidades”.