O portavoz parlamentario do PSdeG enxalza a “dedicación e compromiso” do rexedor socialista José Antonio Pereira fronte a unha manobra “contra natura” que supón un “retroceso”
O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, acudiu hoxe á Baña, xunto aos deputados Noa Díaz e Martín Seco e outros representantes socialistas, para trasladar o seu apoio ao alcalde socialista, José Antonio Pereira, e a todo o seu equipo de goberno ante a moción de censura contra o rexedor socialista.
“Cando na Baña o goberno progresista liderado polo alcalde José Antonio Pereira fai unha gran xestión, cómpre defender a dignidade e o servizo público á veciñanza, fronte a unha moción de censura de retroceso”, sinalou o dirixente socialista quen cualificou esta manobra de “contra natura”, xa que “non ten xustificación pola situación do concello” e “supón un paso atrás, en vez de un avance cara adiante”.
Ao fío disto, Gonzalo Caballero enxalzou “a dedicación e o compromiso” do goberno municipal e dun alcalde “de excepción” que “sempre estivo á carón das veciñas e veciños, tamén nos momentos máis difíciles da covid”. “O paso do tempo acabará poñendo en valor a gran tarefa e a xestión do goberno socialista neste concello”, sentenciou.
Neste sentido, o voceiro socialista lembrou o “ataque continuo” que sufriu o rexedor socialista “por parte daqueles que non quixeron que A Baña progresase”, xa que “sufriu presións de quen tentou botalo da Alcaldía incluso quitándolle o seu salario como alcalde”.
“Hoxe somos moitos os que apoiamos a un gran alcalde”, reivindicou Gonzalo Caballero, logo de sinalar que “seguro que nas próximas eleccións municipais os veciños e veciñas non perdoarán esta moción de censura”. “O tempo porá a todos e cada un no seu lugar”, concluíu.