O secretario xeral do PSdeG indica que deben contemplarse todas as formas de intervención “legal e economicamente viables” para que non paren as cubas e solicita ao goberno de España que convoque a mesa multilateral
Gonzalo Caballero mantivo hoxe unha xuntanza de traballo co comité de empresa de Alcoa San Cibrao para analizar a situación da factoría tralo anuncio feito pola empresa na última semana. No transcurso do encontro, deixou constancia do seu apoio á declaración institucional da Mancomunidade da Mariña lucense.
Acompañado dos alcaldes de Viveiro e Foz, María Loureiro e Francisco Cajoto, así como do secretario de Organización do PSdeG, José Antonio Quiroga, e da secretaria provincial do PSOE en Lugo, Patricia Otero, Gonzalo Caballero escoitou as demandas do comité de empresa e trasladoulle que o mantemento do emprego “é o prioritario” e que a multinacional debe reconsiderar a súa liña de acción estratéxica e manterse en San Cibrao.
O líder dos socialistas galegos sinalou que nestes momentos é fundamental pechar “unha gran alianza social” a carón dos traballadores para defender o emprego e a actividade industrial na planta da Mariña lucense. “É necesario avanzar naquelas medidas que eviten parar as cubas e gañar tempo para dar unha solución estable”, subliñou Gonzalo Caballero.
“Temos que definir a folla de ruta axeitada para defender os postos de traballo. Facemos un chamamento aos gobernos de España e de Galicia para que se impliquen con todas as súas competencias a fin de dar viabilidade a esta factoría”, incidiu, consciente de que a Xunta “carece de política industrial”.
”A implicación de Feijóo foi nula á hora de defender o emprego en San Cibrao. Ten que deixar de ser un mero observador e responsabilizarse das competencias que lle dá o Estatuto de Autonomía en materia económica e industrial”, recalcou Gonzalo Caballero, antes de concluír: “Feijóo alardea da súa sintonía co director de Alcoa España pero esa amizade non sirve de nada aos traballadores da empresa en Lugo”.
En contraste coa inacción da Xunta, que “non aportou nada” ao emprego industrial da Mariña, o máximo responsable do PSdeG destacou que o goberno de España inxectou nos últimos dous anos 38 millóns de euros na planta de San Cibrao.
MESA MULTILATERAL
Neste escenario, Gonzalo Caballero requiriu ao goberno que convoque a mesa multilateral de Alcoa San Cibrao, composta polo Ministerio de Industria, a Xunta, a multinacional, o comité de empresa e os sindicatos para traballar nunha solución á problemática industrial da planta da Mariña.
“O goberno debe contemplar aquelas formas de intervención posibles que sexan legal e economicamente viables, para gañar tempo e evitar a paralización das cubas”, explicou o secretario xeral, toda vez que esta factoría “é a única de España que produce aluminio e, por tanto, ten un compoñente estratéxico na cadea de produción do sector metalúrxico”.
“Os custes de reverter a paralización das cubas serían altísimos, e non se pode consentir o peche da factoría”, asegurou Gonzalo Caballero.
Así mesmo, o secretario xeral instou ao goberno de España a aprobar “inmediatamente, nas próximas semanas”, o fondo de garantías para empresas electrointensivas que garanta os avais para as PPA, tan importantes para as contratacións bilaterais.
Do mesmo xeito, Gonzalo Caballero requiriu ao goberno de España que saque adiante “o antes posible” o estatuto de electrointensivas que permita a viabilidade futura da planta de San Cibrao.