O líder do PSdeG destaca que o goberno de España é “unha garantía” en defensa da educación e require ao executivo galego “feitos” que amosen unha aposta polo sistema público
O dirixente socialista comparte coa ministra de Educación a importancia de potenciar a FP para a reactivación
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo coa ministra de Educación, Isabel Celaá, acompañado dos deputados no Congreso Guillermo Meijón e Olga Alonso.
Nese encontro abordaron a axenda dos principais asuntos educativos, como o profesorado, a dixitalización, os recursos dispoñibles, as bolsas ou a reforma da FP para enfrontar os retos de futuro tras a covid. Ao termo, o líder do PSdeG puxo en valor que “os e as socialistas somos firmes defensores da educación pública, que é fundamental para a marcha do país e para a reactivación social e económica”.
Neste senso, Gonzalo Caballero puxo en valor a aposta do goberno de España, que consignou máis de 4.000 millóns de euros do Plan de recuperación, transformación e resiliencia para reforzar a equidade e a transformación dixital na educación e para modernizar a FP.
“O goberno de España é unha garantía en defensa da educación e cremos que a Xunta ten que amosar ese mesmo compromiso con feitos, e manter o contrato de todos os profesores que foron contratados no curso que agora remata”, subliñou, co argumento de que “o sistema sigue necesitando toda esa capacidade”.
“Que a Xunta se comprometa xa a que todos manteñan o seu contrato, porque Galicia necesita profesores e profesoras e non se pode recortar nisto”, defendeu Gonzalo Caballero, para quen nunha crise como esta “é máis necesario aínda reforzar a educación pública”.
“Non queremos retrocesos nin despidos”, concluíu o máximo dirixente socialista, ao tempo que avanzou que así o reclamará o PSdeG no pleno do Parlamento de Galicia da vindeira semana.
MELLORA DA FP
Outro asunto que abordaron Gonzalo Caballero e a ministra de Educación na xuntanza é a mellora e potenciación da Formación Profesional.
Ao respecto, o responsable do PSdeG trasladou a Isabel Celaá a importancia de fortalecer a FP para “impulsar unha mellor reactivación económica tamén en Galicia”.
Do mesmo xeito, o secretario xeral recordou que o goberno de España a través de Red.es remitiu a Galicia 14.500 ordenadores con conexión a internet para loitar contra a fenda dixital do alumnado en situación máis desfavorable.