O secretario xeral do PSdeG sinala a “irresponsabilidade” de Feijóo ao antepoñer os comicios á defensa da saúde dos galegos
Santiago, 17 de maio de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reuniu esta mañá de novo ao comité de expertos en materia sanitaria para avaliar a evolución da covid-19 en Galicia; unha xuntanza na que sinalaron a “incerteza” sobre a data dun eventual rebrote da pandemia.
“A conclusión é que convocar as eleccións galegas agora é xogar a unha lotería para a que Feijóo non debería mercar boletos”, resumiu Gonzalo Caballero ao termo da reunión de traballo dun comité do que forman parte, entre medio centenar de profesionais, a ex-conselleira María José Rubio e o ex director xeral de Saúde Pública Ramón Medina.
Sobre todo, porque os expertos coinciden á hora de sinalar que “o escenario que temos por diante é moi incerto” como para anticipar que as eleccións poderían celebrarse en xullo con normalidade e seguridade. De feito, o líder socialista recordou que Feijóo xa admitiu que non se pode prever a situación do virus no mes de xullo e que os seus informes non descartan un novo brote cara esas datas.
Precisamente por iso, Gonzalo Caballero lembrou que a lexislatura acaba en setembro e lamentou que Feijóo sexa “o único galego que está pensando nas eleccións en plena emerxencia sanitaria”. “Hai que buscar un momento no que se poidan compatibilizar as garantías sanitarias coas democráticas”, remachou.
Non facelo así, engadiu o máximo dirixente do PSdeG, “é unha irresponsabilidade por parte de Feijóo”, quen debera antepoñer a defensa da saúde dos galegos e das galegas ás súas estratexias.