O voceiro parlamentario do PSdeG avanza “catro anos de traballo intenso” para poñer en marcha “as mellores políticas ao servizo de Galicia” co reto de “saír todos” desta crise “sen que ninguén quede atrás”
Santiago, 7 de agosto de 2020. O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou hoxe que o seu grupo traballará “con lealdade e con responsabilidade” para “acadar acordos de país” e que tamén será “a oposición máis esixente na defensa dos servizos públicos” e na reivindicación de políticas que “promovan unha recuperación ao servizo das persoas”.
Así o dixo ante os medios de comunicación ao termo da sesión constitutiva do Parlamento para a XI Lexislatura, na que prometeu o seu cargo de deputado. “Iniciamos un novo tempo con compromiso e con paixón para traballar por unha Galicia mellor”, destacou, consciente de que o período que agora comeza “estará marcado por unha pandemia que implica unha crise sanitaria e tamén económica”.
Por iso, afondou o líder dos socialistas galegos, fan falta “as mellores políticas públicas”, tanto para “frear a pandemia” como para “aproveitar as posibilidades de impulsar a recuperación e de loitar contra a desigualdade social”.
“Temos que traballar dende o Parlamento para que sexa unha caixa de reflexión e de argumentación para a elaboración e aprobación de novas políticas, e para representar a unha cidadanía preocupada pola pandemia e pola crise económica e social que dela se deriva”, remarcou Gonzalo Caballero, sen obviar que os últimos datos económicos amosan a “profundidade” da crise que estamos atravesando.
Así pois, o máximo dirixente do PSdeG avanzou “catro anos de traballo intenso” nos que os e as socialistas terán “a man tendida e vontade de cooperación na defensa da saúde, a igualdade e o benestar”. “Cumpriremos con Galicia, co reto de saír todos xuntos da crise e sen que ninguén quede atrás”, concluíu.