O secretario xeral sinala que as rebaixas na AP-9 “non se conseguen detrás das pancartas nin buscando confrontación” e recorda que os orzamentos do Estado inclúen 63 millóns de euros para aplicar bonificacións das peaxes este ano
O líder socialista visita Miño xunto co alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, para destacar o proxecto “pioneiro” en Galicia de destinar vivendas da burbulla inmobiliaria a vivendas sociais para quen “máis o necesita”
Miño, 6 de febreiro de 2021. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe Miño en compañía do alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, para poñer en valor o proxecto “pioneiro” en Galicia de destinar vivendas procedentes da burbulla inmobiliaria a alugueres sociais para familias en situación de necesidade.
“O goberno local está facendo un traballo fantástico tralo resultado histórico que obtivo nas pasadas eleccións”, destacou Gonzalo Caballero, quen sinalou como esta decisión de apostar polas vivendas sociais permite que un concello como o de Miño, que “foi representativo dos excesos da especulación urbanística”, pase a ser “referencia en políticas sociais”.
De feito, o propio alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, indicou como o seu goberno está levando a cabo numerosas iniciativas no eido social a pesares de que o PP deixou o concello “case en bancarrota”, cunha débeda de 23 millóns de euros. Neste caso, apuntou, alugaranse por 160 euros ao mes 12 vivendas propiedade da Sareb; unha cuestión na que lamentou “profundamente” non contar co apoio do PP no pleno no que se aprobou.
En paralelo, Gonzalo Caballero aludiu á condena a dous anos de cárcere e oito de inhabilitación á Rafael Louzán e á delegada da Xunta en Pontevedra para reclamar a Feijóo que “non pode estar de perfil” ante este tipo de casos de corrupción. “Non entendo que Feijóo faga de perfileiro cando todos os que nos dedicamos ao servizo público temos que ter na exemplaridade unha bandeira á que non podemos renunciar”, remarcou.
Ao fío disto, o líder dos socialistas galegos criticou tamén que Feijóo saíra nestes días en defensa da honorabilidade de Rajoy cando xa está acreditado que recibiu fondos da caixa b do PP. “O presidente da Xunta debería exemplificar a limpeza e a ética”, incidiu Gonzalo Caballero, consciente de que “o PP ten un problema de corrupción evidente” nos seus distintos niveis.
“En España, con Pablo Casado atrapado polos papeis de Bárcenas; e en Galicia, cando Feijóo non cuestiona as políticas caciquís levadas a cabo polo PP nas deputacións”, recalcou o máximo dirixente do PSdeG, en alusión, entre outros, a Louzán, a Cacharro, a Torres Colomer e a José Luis Baltar, cuxo modelo “persiste” na figura do seu fillo, José Manuel Baltar.
FEIJÓO “TEN QUE REACCIONAR”
Por iso, o secretario xeral do PSdeG indicou que “a condena a Louzán e á delegada da Xunta en Pontevedra, á que Feijóo nomeou hai uns meses, cando xa estaba imputada”, ten que ser “o elemento que faga a Feijóo reaccionar”.
Máxime, como dixo Caballero, ante unha crise de tanta gravidade, cando “a ética e a transparencia dos cargos públicos é fundamental”, do mesmo xeito que a xestión e a utilización dos recursos públicos. Así é que urxiu a Feijóo que “teña unha actitude contundente” no caso da única deputación que preside o PP en Galicia, a de Ourense, porque ese “modelo caciquil” é “unha lacra.
AP-9
Finalmente, o líder do PSdeG abordou a cuestión das peaxes da AP-9 na súa visita a Miño, facendo referencia a que o desprazamento ata esta vila dende a súa cidade, Vigo, ten un custe superior aos 17 euros. “É excesivo”, xulgou.
Por iso, destacou que ao longo do primeiro semestre deste ano entrarán en vigor as bonificacións contidas nos Orzamentos Xerais do Estado aos que se opuxeron tanto o PP como o BNG. “Foi un voto en contra tamén da rebaixa das peaxes da AP-9”, sentenciou.
Fronte a esta actitude de “atrancar e non colaborar”, Gonzalo Caballero chamou a “un gran acordo de país” para consolidar os descontos nas peaxes durante todo o tempo de vixencia da concesión da autoestrada, que Aznar adiou ata 2048.
“As rebaixas non se conseguen detrás das pancartas nin buscando confrontación”, recordou a BNG e PP, sen esquecerse de que foi o goberno presidido por Pedro Sánchez o que permitiu o debate da transferencia da AP-9 a Galicia tralo “veto” do goberno de Mariano Rajoy.