O secretario xeral sinala que o informe do Parlamento posibilita a comparecencia do presidente, polo que Feijóo debe dar contas á Cámara regularmente
Santiago, 17 de abril de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, indicou que o informe remitido hoxe polo Parlamento abre a vía para “activar a Deputación Permanente como mecanismo para fortalecer a resposta democrática en Galicia ante a crise provocada polo covid-19”.
En concreto, como apuntou o líder dos socialistas galegos, o citado informe establece “con meridiana claridade” que, ademais das funcións propias da Deputación Permanente nos termos para os que foi concibida, no contexto extraordinario no que estamos é posible activar este órgano para acadar “o efectivo control e impulso da actividade do goberno” que é preceptivo.
Este documento, que están estudando os servizos xurídicos do PSdeG, permite por tanto a incorporación de iniciativas parlamentarias de impulso ao goberno -tales como interpelacións, proposicións non de lei e mocións- e tamén as previstas para o control da acción do executivo a través de preguntas ou comparecencias.
“É moi necesario que os grupos poidan presentar iniciativas de acordo á súa representatividade, para así acadar a mellor resposta posible ante a crise sanitaria e social na que vivimos”, apuntou Gonzalo Caballero, partidario de buscar fórmulas que, a través do aumento das funcións da Deputación Permanente, posibiliten “o equilibrio de poder consubstancial a calquera réxime democrático parlamentario”.
“Cando se buscou a vía para o aprazamento electoral, sempre se considerou imprescindible potenciar o papel da Deputación Permanente, e agora o informe do Parlamento sinala que pode e debe facerse para o equilibrio constitucional e estatutario de poderes”, recordou o máximo dirixente do PSdeG.
COMPARECENCIAS REGULARES DE FEIJÓO
De feito, como recordou Gonzalo Caballero, o propio informe recoñece que existe “unha evidente lagoa normativa”, porque “o aprazamento electoral que se acordou en circunstancias excepcionais non ten base xurídica” na lexislación galega ou na estatal.
Por iso, fixo un chamamento ao consenso das forzas políticas para, activando a Deputación Permanente, defender a calidade democrática en Galicia. “Todos debemos asumir a importancia de activar a Deputación Permanente tras acordar un aprazamento electoral non previsto legalmente”, apuntou o líder do PSdeG.
Neste contexto, Gonzalo Caballero xulgou “fundamental” que Feijóo compareza regularmente ante a Deputación Permanente para responder ás preguntas da oposición. O propio regulamento da Cámara estipula que o presidente ten que acudir ao pleno cada dúas semanas durante os períodos ordinarios.