O voceiro parlamentario amosa a súa preocupación ante os rebrotes e subliña que “hai moito que facer” para perfilar o inicio de curso, que entraña “moitos riscos”
Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2020. O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, situou hoxe a loita contra o coronavirus como “a prioridade” para a nova lexislatura que está a piques de comezar, de xeito que urxiu á Xunta a “facer os deberes” en cuestións de tanta relevancia como o inicio do curso escolar, o combate dos rebrotes ou a reactivación económica.
Por iso, tras a reunión da Xunta de Portavoces que serviu para coñecer que a sesión de investidura de Feijóo comezará o vindeiro día 1, Gonzalo Caballero subliñou que, máis alá do calendario parlamentario, a Xunta ten que traballar para frear a pandemia. “Ten a man tendida do PSdeG para traballar contra o virus e na reconstrución do país sen deixar a ninguén atrás”, recalcou.
Iso si, o líder dos socialistas galegos deixou claro que o goberno galego tamén atopará “a nosa firmeza contra os recortes ou os retrocesos” en materia de servizos públicos e de garantías de benestar. “Seremos unha oposición leal, pero firme. Traballaremos con sentido de país e con contundencia en defensa do público”, incidiu.
Ao fío diso, Gonzalo Caballero volveu reclamar a Feijóo que “sente” cos grupos parlamentarios para “pechar acordos” encamiñados a “saír entre todos desta crise remando na mesma dirección”. Sobre todo, como dixo, porque “hai moito que facer”, entre outras cousas, para perfilar un inicio do curso que entraña “moitos riscos”.
De feito, o máximo dirixente do PSdeG sinalou que outras comunidades e outros países están tomando medidas e ampliando os investimentos en materia educativa para así reducir o número de alumnos por aula, entre outras accións, mentres a Xunta está “rezagada” neste eido. “Ten que tomar medidas, porque a comunidade educativa está alarmada”, concluíu.