O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, destacou hoxe que o partido fará “as mellores candidaturas” para derrotar á dereita e fortalecer ao goberno de Pedro Sánchez no marco dunha campaña “en positivo” e “chea de argumentos” para explicar á cidadanía que “a Galicia vaille mellor” cun goberno de progreso.
“A cidadanía viu como a súa situación melloraba co respaldo do goberno”, resaltou o líder dos socialistas galegos, en alusión á “liña de prioridade social” mantida polo executivo que lidera Pedro Sánchez e que xa ten suposto melloras para os pensionistas, os autónomos e os empregados públicos, así como para os usuarios dos servizos públicos.
Nesa liña, Gonzalo Caballero avanzou que o vindeiro domingo visitará Lugo a vicepresidenta do Goberno, Carmen Calvo, para participar nun acto no que tamén estará a alcaldesa, Lara Méndez; mentres que o luns estará en Compostela o alto comisionado para a loita contra a pobreza infantil, Pau-Marí Klose, que terá un encontro con entidades do sector.
“Temos moitos argumentos para convencer de que a mobilización é necesaria e estamos convencidos de que a vai haber, e de que o goberno terá unha maior base parlamentaria”, apuntou o máximo dirixente do PSdeG, desde a óptica de que se seguirán poñendo en marcha “proxectos necesarios para a maioría” e cuestións específicas centradas en Galicia.
CORREDOR ATLÁNTICO
Proba diso é a aposta do Ministerio de Fomento polo desenvolvemento do Corredor Atlántico, a diferenza do que ocorreu cos gobernos do PP “coa complicidade de Feijóo”.
“Tivo que chegar un ministro socialista para poñelo na axenda”, contrapuxo Gonzalo Caballero aos “bolos” que está levando adiante Feijóo, accións de “publicidade” sen resultado algún dentro e fóra da nosa comunidade.