O secretario xeral subliña que nas dúas visitas de Feijóo a Madrid atopouse “cun goberno que traballa” para arranxar os problemas “xerados polo PP”
Santiago, 10 de agosto de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, puxo en valor hoxe o “compromiso” do goberno socialista co financiamento autonómico, como se ten evidenciado cos plantexamentos de diálogo “multilateral” para arranxar “o problema xerado polo PP” e que supón retrasar a liquidación do IVE das comunidades.
Fronte a ese traballo enfocado a “dar solucións”, o líder dos socialistas galegos censurou o “numerito” montado por Feijóo, que garda relación coa “caída electoral” do PP en España e en Galicia, e advertiu de que o PSdeG “non imos permitir que intente salvar os seus mobles electorais” montando “espectáculos”.
É que, como recordou Gonzalo Caballero, a estratexia coa que Feijóo encarou a xuntanza coa ministra de Facenda foi similar á que mantivo en días previos ao seu encontro co presidente do goberno, Pedro Sánchez. “Pero cada vez que vai a Madrid se atopa cun goberno que dá solucións aos problemas creados polo PP con Feijóo como cómplice”, sentenciou.
No caso concreto do IVE, o secretario xeral do PSdeG apuntou que o goberno socialista “xa estaba traballando para dar solución a un problema xerado polo PP e que afecta a todas as comunidades antes do numerito de Feijóo”. “Mentres uns traballan de xeito leal, Feijóo prefire montar espectáculo e facer confrontación”, criticou.
Ademais, Gonzalo Caballero cuestionou que Feijóo fale tanto agora de “defender a Galicia”, cando non o fixo ante Montoro e Rajoy cando mudaron o sistema de liquidación do IVE, nin ante “Casado e Aznar” para que aceptaran a senda de relaxación fiscal que daría a Galicia 133 millóns de euros máis.
Así as cousas, o máximo responsable do PSdeG deixou claro que “non permitiremos o cinismo do PP e de Feijóo”. “Acabouse a etapa na que o PP podía reinar coas súas mentiras”, afondou, sen deixar de reclamar á dereita que “asuma as súas responsabilidades” no que atinxe á modificación do sistema de entrega ás comunidades da recadación do IVE.
EXEMPLARIDADE
De paso, Gonzalo Caballero urxiu a Feijóo a “asumir” o nivel de “dignidade e exemplaridade” que a sociedade está pedindo aos cargos públicos, e que xa non tivo cando se coñeceu a sentenza do caso Gürtel ou cando se produciu a dimisión de Cristina Cifuentes polo caso do mestrado.
“A sociedade pide exemplaridade e o presidente da Xunta ten que esixila a todos os responsables políticos”, incidiu o líder socialista, antes de sinalar que a cidadanía “non está tan tranquila” co que está ocorrendo cos estudos de Pablo Casado como se mostra Feijóo nas súas declaracións públicas.