O secretario xeral sinala que “os galegos xa non confían en Feijóo” porque o seu proxecto está “esgotado” e chama a “camiñar xuntos” cara un tempo de “progreso” en Galicia
Santiago, 8 de xaneiro de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, compareceu hoxe ante os medios de comunicación para trasladar os parabéns de todos os socialistas galegos a Pedro Sánchez despois de asistir onte á súa sesión de investidura como presidente do goberno.
“Estamos moi satisfeitos”, sinalou o líder do PSdeG, quen puxo en valor que agora España poderá seguir avanzando “na senda da modernización” e impedindo “o retroceso, a involución e os riscos” que supón a coalición das dereitas coa ultradereita.
Ademais, Gonzalo Caballero destacou que unha maioría dos deputados galegos, un total de 13 de 23, apoiaron a investidura de Pedro Sánchez, o que supón de novo “deixar ao PP en minoría” tanto en Galicia como en España como consecuencia de que “perdeu a centralidade política”.
En cambio, resaltou, “a Galicia vaille ben cun goberno progresista” que continúe o labor desenvolvido polo executivo liderado por Pedro Sánchez ao longo do último ano e medio; unha etapa na que se subiron as pensións, o salario mínimo e os soldos dos empregados públicos e na que se apostou pola axenda social.
Así as cousas, o máximo dirixente do PSdeG destacou que o arranque da lexislatura en España “afianza o cambio en Galicia”, da man dunha maioría social coa que “camiñar xuntos” cara un tempo de “progreso” no país.
Sobre todo, apuntou, porque “os galegos xa non confían en Feijóo” e nun PP que “non entendeu a mensaxe que lle deron as urnas nas catro citas electorais de 2019. Ao fío disto, recordou que en todas as súas intervencións en campaña pediu o voto para “frear ás dereitas e á ultradereita”.