O secretario xeral visita Ribadavia en compañía do alcalde para esixir á Xunta que “cumpra” coas necesidades do concello en infraestruturas e coa construción dun centro de saúde
Ribadavia, 17 de novembro de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou este sábado Ribadavia en compañía do alcalde, Ignacio Gómez, para denunciar como Feijóo deu “as costas” aos municipios do interior de Galicia pese a prometer “compromiso” co rural.
“Xa non ten ningunha credibilidade”, resaltou o líder dos socialistas galegos, para advertir ao presidente de que “rematou o tempo no que podía intentar enganar á opinión pública” con estas cuestións.
Sobre todo, como explicou, porque Feijóo non proporcionou o “impulso” que necesitan os concellos pequenos e, ademais, deixa “uns servizos públicos moi deteriorados” e unhas posibilidades económicas “mermadas”.
“Dedicou a lexislatura a traballar na súa promoción dentro do seu partido e ás quinielas de se Casado, Cospedal ou Feijóo”, recalcou o secretario xeral do PSdeG, para reprobar que non puxese en marcha “un só avance” que permitise mellorar “a calidade de vida” da cidadanía da Galicia interior.
“PROGRAMA REAL”
No caso concreto de Ourense, Gonzalo Caballero recordou que ten os salarios e as pensións nos postos máis baixos de España, de xeito que urxiu “un programa de acción real” que dea “opcións de futuro”.
Trátase, segundo as súas propias palabras, de “igualdade de oportunidades” a quen vive en vilas como Ribadavia, Verín, O Carballiño ou Amoeiro que aos veciños e veciñas da Coruña ou Vigo.
Por tanto, despois de que o presidente da Xunta criticase a xestión municipal de Verín ao lado do candidato do PP á alcaldía, o máximo dirixente do PSdeG advertiulle de que “non permitiremos que siga nesa estratexia de botafumeiro”.
E é que, como apuntou Caballero, a política do PP nos pequenos concellos resúmese en “abandono” e a das cidades en “caos”. Apréciase, como dixo, na única cidade que goberna, Ourense, onde nin sequera se aprobou un orzamento neste mandato.
“TEMOS FUTURO”
Fronte a isto, o secretario xeral dos socialistas galegos esixiu á Xunta que “cumpra” con Ribadavia e dea solución ao “deterioro” das súas infraestruturas e tamén cos servizos públicos.
A modo de exemplo, Gonzalo Caballero citou o centro de saúde “do século XXI” para Ribadavia do que Feijóo se ten “esquecido”.
A XUNTA TEN QUE “ASUMIR AS SÚAS COMPETENCIAS”
Pola súa banda, o alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez, lamentou que as beirarrúas da OU-504, unha estrada autonómica inmersa no núcleo urbano, están “desfeitas” sen que a Xunta “asuma as súas competencias” e actúe para mellorar a seguridade vial.
“Levamos moito tempo reivindicando o arranxo”, recalcou o rexedor, para recordar que o goberno local chegou a ofrecerse a “cofinanciar” esta obra. “Pero quen ten que iniciar o procedemento e poñer recursos enriba da mesa é a Xunta”, concluíu.
Nesta visita a Ribadavia, ademais do equipo de goberno local, encabezado por Ignacio Gómez, participaron numerosos cargos públicos e orgánicos da provincia, como o secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, ademais de Gonzalo Caballero.