O voceiro parlamentario do PSdeG rexeita o “márketing e publicidade do PP” de Casado e Feijóo e que estes non aborden os “problemas reais” de Galicia cando a Xunta “despediu a 500 profesionais sanitarios e a sanidade pública está saturada e con listas de espera”, entre outras cuestións
O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, censurou hoxe o cumio do PP celebrado na Coruña na que “queda claro que Feijóo está ao servizo do PP de Casado para confrontar dende a dereita co goberno de España de forma irresponsable, en vez de estar centrado en dar solucións aos problemas dos galegos e galegas”.
Neste sentido, o dirixente socialista lamentou que “cada vez que Feijóo se reúne con Pablo Casado amosa que son a mesma dereita rancia e reaccionaria” que “non trae nada positivo a Galicia”.
Así, incidiu, “en vez de facer tanto márketing e publicidade de Casado, Feijóo ten que resolver os problemas da sanidade pública galega, xa que despediu a máis de 500 profesionais sanitarios e ten á sanidade pública desbordada e saturada con listas de espera”.
“Disto non queren falar nin Feijóo nin Casado”, espetou Gonzalo Caballero, quen lamentou que os dirixentes populares non abordasen os “problemas reais” de Galicia como, por exemplo, o feito de que se atope “á cola” en políticas sociais con respecto a outras comunidades ou “inmersa nunha crise industrial á que non temos resposta” por parte do goberno galego que ten as competencias.
En vez disto, censurou, “Feijóo ponse a camiseta das dereitas para confrontar do xeito máis imprudente co goberno progresista de Pedro Sánchez”, nunha “estratexia ao servizo dos intereses do Partido Popular e sen pensar en Galicia”.
“Para que vén Casado a Galicia se non trae solucións a Feijóo nin nada positivo para Galicia?”, concluíu o dirixente socialista.