O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou hoxe en Vigo e Pontevedra na presentación da candidatura socialista ás vindeiras eleccións xerais pola provincia ao Congreso e ao Senado.
É, como destacou o líder dos socialistas galegos, “unha magnífica candidatura”, que xa acadou “uns resultados históricos” o pasado 28 de abril, de xeito que apelou á “mobilización masiva”.
“Xogámonos o futuro do país”, recalcou Gonzalo Caballero, consciente de que o 10-N vai servir para confrontar “o modelo de progreso, de avance social, de defensa dos dereitos e das liberdades” que representa o PSOE e “o modelo que representan as dereitas e a ultradereita, que supón unha ameaza e un risco para o progreso do país”.
“Todos os progresistas temos que cumprir co dereito e tamén coa corresponsabilidade de frear ás tres dereitas. Non queremos atoparnos con Pablo Casado presidindo un Consello de Ministros no que estea sentado Santiago Abascal”, incidiu.
Non en van, o máximo dirixente do PSdeG contrastou “o risco” que supón esta alianza para dereitos como o aborto, a eutanasia e a igualdade entre mulleres e homes cos “avances” impulsados polo goberno socialista e que supuxeron beneficios directos para máis dun millón de persoas en Galicia.
“Subiu o SMI, subiron as pensións, subiron os salarios dos empregados públicos”, enumerou Gonzalo Caballero, sen esquecerse do compromiso do goberno de Pedro Sánchez de subir de novo as pensións o 1,1%. “Isto é o que non pasaba cando gobernaba o PP de Rajoy”, remachou.
Así pois, o secretario xeral sinalou que “o único voto útil para o progreso e o avance social é o voto ao Partido Socialista”, fronte ao “varapau” que recibiu o PP o 28 de abril. “Agora fuxe do electorado desta provincia para irse a Madrid porque en Pontevedra, e en Galicia, o PP sabe que está nunha fase de retroceso histórico”, concluíu.
ANA PASTOR “NON PODÍA PEDIR O VOTO EN VIGO”
Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, recordou os “recortes” da etapa de goberno de Mariano Rajoy, que trouxeron moito “sufrimento” á xente e ao sector industrial.
E, tras poñer en valor os perfís dos candidatos e candidatas da lista socialista por Pontevedra, sinalou tamén que Ana Pastor marchou cara Madrid “porque non podía pedir o voto en Vigo”. “Conxelou o AVE durante cinco anos, paralizou a estación, non quixo cedernos espazo para a biblioteca…”, enumerou.
Finalmente, Abel Caballero puxo en valor que a número un da lista volva ser Olga Alonso, mestra e ex-concelleira de Vigo, de xeito que ironizou con que “se os candidatos dos outros partidos necesitan que lles ensine a cidade e coñecer as súas necesidades, ofrézome”.