O líder do PSdeG alerta da política de “brazos caídos” de Feijóo: “no primeiro trimestre o paro aumentou máis en Galicia que en ningunha outra comunidade e a poboación ocupada caeu máis do dobre que a media de España”
O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Gonzalo Caballero, acusou hoxe a Feijóo de “renunciar a ser motor da reactivación económica”, e que responde cunha “política de brazos caídos” á destrución de emprego que se rexistra en Galicia. Sinalou así aos datos da EPA do primeiro trimestre, que revelan que “o paro aumentou en Galicia máis que en ningunha outra comunidade e a poboación ocupada caeu máis do dobre que na media de España”.
O líder dos socialistas galegos alertou do desleixo do goberno galego, que “carece de modelo” para a reactivación, e por iso ofreceu “man tendida para impulsar unha reactivación que o PP é incapaz de encauzar por si mesmo”. Dixo que “é hora de que Feijóo se active, que deixe de pensar no PP e se poña a facer os deberes en economía porque os galegos non chegan a fin de mes”.
Advertiu de que os galegos e as galegas “séntense orfos dun goberno que non pensa nas dificultades do país” mentres “os datos de desemprego, de paro, de poboación ocupada de Galicia no primeiro trimestre son peores que en calquera outra comunidade”. Criticou que “o único que hai é moita estratexia cara fóra, moita propaganda, pero non chegan as medidas e tampouco chegan as axudas”.
Gonzalo Caballero acusou ao goberno galego de responder dando “paus de cego”, que o levaron a presentar aos fondos de recuperación Next Generation EU primeiro sete proxectos, despois 108 e finalmente 354. Estes “bandazos” levaron á Xunta a presentar na comisión de reactivación unha lista parcial de proxectos que incluía proxectos xa previstos con fondos propios, como os hospitais da Coruña e Pontevedra, o que amosa a falla de iniciativas para a reactivación.
“Os fondos europeos non son un colchón para un goberno que non sabe que facer coa economía”, evidenciou, crítico con que o goberno galego pretenda só “cubrir gastos xa comprometidos”. Afondou ademais en que Feijóo sorprende cada día cun “novo invento”, como o dunha sociedade público-privada para xestionar fondos europeos, que presentou sen presentala na comsión de reactivación. En definitiva, concluíu, Feijóo está a acadar un “suspenso rotundo” nas súas propostas para reactivar a economía.
DATOS DE EMPREGO
En paralelo, o secretario xeral do PSdeG responsabilizou ao goberno de Feijóo dos datos de emprego rexistrados pola EPA do primeiro trimestre do ano, que apuntan a que mentres en España hai 65.000 persoas menos no desemprego, en Galicia hai 15.700 máis, aumentando moito máis que ningunha outra autonomía. Os mesmos datos apuntan unha redución da poboación ocupada en 21.000 persoas, unha caída do 1,9 por cento que máis que duplica a caída do 0,7 no Estado.
Gonzalo Caballero explicou que estes datos revelan o “efecto devastador” da campaña de “Salvar o Nadal” de Feijóo, que se traduciu nun repunte dos contaxios e, como consecuencia, dun aumento das restricións e de caída da actividade e do emprego.
“Ante a maior crise, é necesario desenvolver políticas anticíclicas e keynesianas que reactiven a economía galega, abordando os retos da transformación e a xeración de emprego, e evitando os riscos de desigualdade e exclusión”, concluíu o secretario xeral do PSdeG.