O secretario xeral esixe a Feijóo explicacións públicas e detalladas polos protocolos da Xunta impedindo o traslado aos hospitais de maiores con dependencia severa afectados pola covid
Verín, 5 de xuño de 2020. O secretario xeral do PSdeG e candidato á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, comprometeuse hoxe en Verín a que a sanidade pública sexa “a bandeira de referencia do goberno progresista que saia das próximas eleccións autonómicas do 12X”. Así o dixo logo da visita ao Hospital de Verín xunto co alcalde da localidade, Gerardo Seoane, os candidatos Marina Ortega e Juan Carlos Francisco, e responsables públicos e orgánicos dos socialistas galegos.
O líder do PSdeG reafirmou a súa aposta pola sanidade pública, universal e gratuíta precisamente fronte ao Hospital de Verín, como “símbolo da resistencia social fronte aos recortes de Feijóo”. Lembrou así como a mobilización social freou as pretensións de Feijóo de suprimir o paridoiro da localidade.
Sinalou que fronte ao modelo do PP, centrado en “esgotar e facer agónica á sanidade pública”, os socialistas galegos “defendemos unha atención sanitaria máis necesaria ca nunca” logo da crise da covid. Un sistema sanitario público reforzado será o único, explicou, que dará “seguridade na reconstrución económica ante calquera rebrote” da pandemia.
Gonzalo Caballero apostou por “reconstruír e rearmar á sanidade pública fronte aos desgastes, recortes e privatizacións do PP”. Non en van, explicou que a sanidade pública resistiu a pandemia grazas a que o confinamento decretado polo goberno impediu que o virus circulara por Galicia, onde afectou apenas a entre o 1 e o 2 por cento da poboación. “Xustamente agora -dixo- temos que reforzar o compromiso coa sanidade pública para saír da crise”.
Por iso, o máximo responsable do PSdeG comprometeu que un goberno progresista na Xunta dará “estabilidade” aos profesionais sanitarios, eliminará “os riscos da descapitalización da sanidade co PP” e apostará pola Atención Primaria, polo mantemento de servizos nos hospitais comarcais. Ademais, engadiu, deseñará un Plan de Saúde Mental.
OS RECORTES DE FEIJÓO
O secretario xeral criticou que Feijóo estea falando “agora” de reforzar a sanidade “cando en 11 anos recortaron máis de 1.000 profesionais sanitarios, 2.000 millóns de euros de investimento na sanidade pública e 1.000 camas hospitalarias”, ademais de “precarizar” as condicións de emprego e pechar servizos nos hospitais comarcais.
Lembrou que o actual presidente da Xunta, nada máis chegar en 2009, suprimiu o Plan de Mellora da Atención Primaria encetado polo goberno encabezado por Emilio Pérez Touriño. Aquel presidente da Xunta, lembrou, foi o mesmo que colleu a sanidade pública cunha débeda de máis de 400 millóns de euros en 2005 e aumentou un 34% o investimento en sanidade pública.
Gonzalo Caballero puxo ao goberno de Pérez Touriño como exemplo de xestión sanitaria, que converteu o Hospital de Verín, daquela unha Fundación Hospitalaria, nun centro público. Así o fixo grazas ao compromiso dun goberno progresista que encargou a xestión da sanidade á conselleira María José Rubio, quen hoxe integra o Comité de Expertos en sanidade do PSdeG xunto con outros 50 expertos.
RESIDENCIAS DE MAIORES
En paralelo, Gonzalo Caballero esixiu a Feijóo que dea explicacións no Parlamento do protocolo da Xunta coñecido hoxe que lle negaba o traslado aos hospitais aos maiores aloxados en residencias en situación de dependencia severa e grande dependencia afectados pola covid. Advertiu que se trata dunha situación “da máxima gravidade” que obriga a unha explicación “ás familias dos falecidos, dos afectados e a toda Galicia”.
O responsable socialista cuestionou a xestión do goberno galego con relación á covid precisamente onde tiña as competencias, como eran os profesionais sanitarios e as residencias de maiores, precisamente os principais focos de contaxios. Agora coñecemos, sinalou, da existencia destes protocolos para limitarlle a asistencia aos maiores afectados, obrigados a permanecer sen atención hospitalaria.
Gonzalo Caballero reclamou unha “explicación detallada do que aconteceu”, unha situación coa suficiente gravidade como para que o presidente da Xunta dea conta “con claridade e transparencia” de “que protocolos aplicaron e por que non lle deron atención hospitalaria a tódolos maiores ingresados nas residencias”.