O secretario xeral avanza que Ourense acollerá unha xornada de traballo sobre demografía que os socialistas galegos organizarán en coordinación co Grupo Socialista no Parlamento europeo
Ourense, 24 de abril de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou este martes Ourense acompañado de cargos locais e provinciais do partido e, tras un percorrido polo barrio do Vinteún, lamentou que a cidade ten ido “a peor” dende que goberna o PP.
“Fronte aos avances cando gobernabamos, o PP deixa un balance nefasto, de retroceso para a cidadanía”, incidiu o líder dos socialistas galegos tras apreciar como Ourense “vai a menos” en mans dos populares.
E é que, como sinalou, o alcalde nin tan sequera tivo a capacidade de dotar á cidade de orzamento. Esa “mostra de incapacidade” apréciase no Vinteún en que “non houbo avances”, por exemplo, para construír o centro de saúde ou o centro cívico “tras anos de promesas”.
Do mesmo xeito, o secretario xeral do PSdeG aludiu ao feito de que o goberno local só executou un 5% do plan de obras do pasado ano para concluír que “un alcalde que só pode cumprir o 5% dos seus compromisos é un alcalde que fracasa”.
Tamén criticou Gonzalo Caballero que a dereita estea facendo “perder pulo” a Ourense ao non avanzar no proxecto da estación intermodal e ao seguir retrasando a chegada do AVE.
“A PÉ DE PAÍS”
“Ourense necesita un cambio encabezado polo PSOE para que as cousas vaian ben”, subliñou, antes de comprometer que os socialistas “traballaremos arreo” en “artellar un plantexamento de futuro para dar a Ourense un goberno de progreso que estea atento ás necesidades dos veciños”.
Dende o convencemento de que Ourense, a única das cidades galegas que goberna o PP, “non merece” este tratamento, Gonzalo Caballero garantiu que os socialistas “estaremos a pé de país” e “aí onde haxa problemas” para “articular propostas” e “solucións”.
PULO DEMOGRÁFICO
Ademais, Gonzalo Caballero aproveitou para anunciar que os socialistas galegos, en colaboración co Grupo Socialista no Parlamento europeo, celebrarán unha xornada de traballo en Ourense sobre o necesario pulo demográfico que require esta provincia.
“Un tema no que o PP fracasa estrepitosamente”, denunciou, antes de detallar que esta xornada, que busca “poñer na axenda” un asunto de “vital” importancia terá lugar o día 11 de maio.