“Hai tres días retiramos a Mariano Rajoy do Goberno e agora traballaremos arreo para retirar a Feijóo da Xunta”, avanza o secretario xeral
Santiago, 4 de xuño de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sinalou este luns que “o novo ciclo político” que se abre en España coa chegada de Pedro Sánchez ao goberno de España supón tamén “unha oportunidade” para o cambio en Galicia.
Así o trasladou aos xornalistas trala reunión da Comisión Executiva Nacional Galega, na que os socialistas expresaron a súa “satisfacción” e o “sentido da responsabilidade” con que toca afrontar esta nova etapa.
Como perfilou Gonzalo Caballero, o novo goberno de Pedro Sánchez garantirá “exemplaridade e dignidade política” fronte á “corrupción” do PP; situará como prioridade a axenda social fronte aos “recortes” e ás “políticas neoliberais” da dereita; e tenderá “pontes de diálogo” dentro do respecto ao marco constitucional.
Será, por tanto, segundo as palabras do líder dos socialistas galegos, “un goberno de progreso, socialista e cun novo estilo”. E, tendo en conta que “a España sempre lle foi ben co PSOE”, agora “iralle ben” con Pedro Sánchez.
Nese escenario, Gonzalo Caballero trasladou “todo o apoio” dos socialistas galegos ao novo presidente do goberno, que “ten mudado a historia da política democrática española en pouco tempo”. “E ten ilusionado a millóns de cidadáns que volven a ver a política con esperanza”, valorou.
RETIRAR A FEIJÓO
Con esa mesma óptica, Gonzalo Caballero afirmou que igual que “hai tres días retiramos a Mariano Rajoy do Goberno”, os socialistas “agora traballaremos arreo para retirar a Feijóo da Xunta”. “Este plantexamento é o que nos move e o que nos motiva”, concluíu.
A maiores, o secretario xeral do PSdeG quixo saudar a elección de Josep Borrell, “compañeiro e amigo”, como novo ministro de Exteriores.