O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, volveu a Verín este xoves para esixir unha vez máis a Feijóo que “rectifique” a súa decisión de pechar o paridoiro, así como os recortes nos servizos de dermatoloxía, traumatoloxía, cirurxía, anestesia e coidados paliativos no hospital desta vila.
De feito, antes de visitar aos profesionais que seguen pechados no hospital e de manter un encontro coa xunta de persoal, Gonzalo Caballero lamentou que “Feijóo non quere vir a Verín a responder das súas decisións políticas nin rectificar”. Así é que levará esta cuestión ao pleno do Parlamento da vindeira semana, cando lle preguntará directamente a Feijóo polos recortes no hospital de Verín.
“Defender a sanidade pública tamén no rural será a nosa causa”, recalcou o líder dos socialistas galegos, quen deixou claro que pechar o paridoiro en Verín é “unha decisión política” de Feijóo.
“Non é unha decisión técnica”, incidiu Gonzalo Caballero, quen recordou que outros paridoiros teñen un número de nacementos similares ou por baixo do de Verín e que este funcionou ata o de agora con “calidade e seguridade”. Por tanto, proseguiu, “non é crible” que Feijóo aduza agora problemas de seguridade para pechalo.
Díxoo, ademais, poucas horas despois de que unha muller tivera que dar a luz de urxencia en Verín. “Este acontecemento pon de manifesto a importancia de manter o paridoiro de Verín a pleno funcionamento”, corroborou o máximo dirixente do PSdeG.
“CAUSA COMÚN”
Neste escenario, Gonzalo Caballero advertiu a Feijóo de que a súa decisión de recortar a sanidade pública vai ser “a causa común de todos os galegos”.
“Xogámonos a calidade de vida dos galegos”, destacou o candidato socialista á Presidencia da Xunta, quen sinalou que “hai un suspenso global á política sanitaria de Feijóo”.