O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, valorou hoxe positivamente a elevada participación electoral e o desenvolvemento da xornada electoral en Cataluña, e traslada ademais os seus parabéns aos gañadores.
O líder dos socialistas galegos sinala que o resultado electoral “amosa a existencia de dous grandes bloques en Cataluña, como son as forzas independentistas e as forzas constitucionalistas, que continúan mantendo amplos niveis de apoio”.
Apunta o seu respecto polo resultado electoral e pide darlle ao novo Parlamento “a oportunidade de abrir un novo tempo político dentro do Estado de Dereito e cumprindo coas normas democráticas”. Subliña ademais “a necesidade de buscar novos espazos políticos de diálogo para acadar solucións políticas sobre as que reconstruír o futuro respectando o Estado de Dereito”.
Trasladoulle ademais ao PSC o apoio de tódolos socialistas galegos, logo de “ter conseguido rachar coa tendencia descendente do pasado para recuperar apoios”. Sinala que “nunha campaña electoral desenvolta en circunstancias complexas para os socialsitas cataláns, o PSC recupera espazo político mentres o PP se desploma, quedando sorprendentemente por debaixo do nivel electoral da CUP en Cataluña e amosando o desgaste da dereita e de Rajoy”.